
Morreu Francisco, un papa sinxelo, austero, que levaba unha cruz de madeira ao pescozo. Conta quen conviviu con el que prescindiu de moitos luxos que gozaran os seus predecesores, por exemplo, duns zapatos feitos cunha pel especial, suavísima e moi cara. Francisco decidiu que el levaría os seus zapatos negros de sempre. As súas prioridades foron loitar pola paz no mundo e tender unha man xenerosa aos marxinados sociais, emigrantes e homosexuais.
O 21 de maio de 2018 díxolle a un home gai: «Deus fíxote así e ámate». Todo isto e moito máis sobre a súa postura de comprensión, de apertura e de amor ao próximo está na internet e pódeno comprobar.
Os médicos recomendáranlle repouso, pero debeu intuír que lle quedaba pouco tempo e empregouno para despedirse dos fieis que o esperaban na praza de San Pedro, clamar unha vez máis pola paz no mundo e recibir ao vicepresidente dos Estados Unidos, J.D. Vance. O papa Francisco repetidamente reprochou a política antimigratoria de Donald Trump, que Vance defende. Non o recibiu no palacio apostólico onde recibe ás autoridades, senón na Casa de Santa Marta, onde se aloxan os cardeais de paso por Roma e durante o conclave para elixir novo papa, e onde el mesmo reside.
Non puido ler o seu último discurso porque lle fallaba a respiración, apenas puido levantar a man para dar a bendición urbi et orbi, pero permaneceu no balcón para que os fieis o visen mentres un cardeal lía os seus desexos de paz e de amor para todos.
Grazas, querido papa Francisco. Descansa na paz pola que tanto loitaches.