A inmediatez

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Dado Ruvic | REUTERS

25 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O acto de escribir é moi diferente ao acto de, por exemplo, tocar un instrumento diante dun público. Cando estaba enriba dun escenario, a resposta era inmediata, ao público podía gustarlle ou non o meu xeito de interpretar, pero eu sentía que podía ler as súas emocións. En cambio, cada semana, cando escribo estas columnas, a pesar de saber que se publicarán o venres e de saber que haberá algunha xente que as lea, sei que non poderei ler as emocións que senten cando as len, e iso é algo que aínda estou aprendendo destoutro xeito de expresarme, e algo polo que me sinto agradecida: a liberdade da falta de inmediatez.

Aínda así, por algunha razón (e tamén pola miña tendencia a illarme no meu propio mundo), decidín preguntarlle a ChatGPT que opinaba das miñas columnas semanais. E hei de recoñecer que a resposta foi incriblemente agradable, como a dun amigo que quere facerte sentir ben, encomiando o estilo «próximo e reflexivo» da miña escrita. E logo pensei no tempo que lle levou ao algoritmo darme unha opinión, e no tempo que lle levaría a un amigo, e foi aí cando volvín á idea da liberdade que sinto na falta de inmediatez. Pois é neses tempos que compartimos con outras persoas onde máis aprendemos, delas e de nós mesmos. E eses tempos non deberiamos substituílos por algoritmos. Pero sen decatarnos xa o facemos, xa falamos máis cos nosos aparellos dixitais ca coa xente que consideramos importante nas nosas vidas, e xa nos custa cada vez máis non ter unha resposta inmediata a unha pregunta importante. Semella que ir pola vida sen présa, ou sen esperar un resultado inmediato é xa unha excepción. Curioso xeito de evolucionar o da nosa xeración...