Curar este mundo

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego González Rivas, o doutor máis famoso dos últimos tempos, acaba de publicar un libro. Presentouno, ademais de noutros lugares, na súa Coruña natal, no mítico Cantón Grande. A ringleira de xente que agardaba a que abrisen as portas era incrible.

No fondo, penso que o libro era o de menos. Tería o mesmo éxito de afluencia se impartise unha palestra ou actuase tocando nun grupo musical, pois Diego ten tirón. E que marabilloso que sexa así!

Sorprende porque non responde ao perfil habitual de famoso, comezando porque é cirurxián. Un médico amante da súa profesión, que exerce de maneira práctica arredor de todo o mundo. Adoita utilizar unha técnica pouco lesiva e tremendamente eficaz, coa que leva a cabo centos de operacións ao ano, nas coordenadas máis insospeitadas do planeta. Ademais, lidera varios proxectos solidarios a través da súa fundación.

A todo isto hai que sumarlle a sinxeleza da que sempre fai gala. Por suposto, non nega os fitos que consegue, pero tampouco fai alarde deles. Xa é un personaxe televisivo, habitual de certos programas de moita audiencia, que tamén se presta a colaborar en formatos máis pequenos e discretos. E, con toda esta atención, non é nada altivo.

Para título do seu libro, e tamén dun documental, elixiu Curando o mundo, pois é o que fai, non só medicamente. Se Diego é un referente e arrastra masas, igual aínda estamos a tempo de curar tamén este primeiro mundo e poñer en auxe valores que el profesa: humildade, xustiza, esforzo... Oxalá!