«Que non exista conciliación neste país non é só un problema dos colexios»

OPINIÓN

Mariscal | EFE

02 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Apertura dos colexios o martes 29 de abril

Esta mensaxe a mando coma mestra, coma secretaria dun equipo directivo e como nai. Estou cansa de escoitar que non quixemos abrir os centros educativos o martes 29 de abril, cansa de escoitar que somos parvos e que «non soubemos interpretar a información que nos foi chegando». Aquí a miña vivencia:

Ás 22.30 da noite do luns, cando a electricidade volveu á miña casa, como nai de dous nenos pequenos e coa escola infantil pechada (despois de estes recibir o comunicado oficial, tal e como nos transmitiron na mensaxe enviada pola noite), procedín a organizarme, como todo ser humano do noso país. E afortunados somos os que podemos tirar dos avós!

Á mañá seguinte levantámonos sen saber que facer, porque non tíñamos ningún comunicado. A xente dirá que Pedro Sánchez xa deu o seu a noite anterior (sorte tivo aquel que puido ver a televisión ou escoitar a radio) pero tamén nos esquecemos de que os mestres temos xente por enriba de nós e que non facemos o que nos dá a gana.

O meu equipo directivo, facendo videochamada ás 7 da mañá, decidimos asistir ao centro entendendo que somos servizos mínimos e pensando tamén en todas aquelas familias que non recibiran as mensaxes do día anterior ou que, simplemente, descoñeceran que facer.

Ás 7.50, cando estabamos listas para saír ao centro, no portal da Xunta cólgase a mensaxe de que se suspendía a actividade lectiva nos centros educativos pero que «os colexios permanecerán abertos para atender as posibles incidencias» (que incidencias podemos ter nun cole?, preguntarase algún).

Tratando de facelo o mellor posible, malia a falta de información e de directrices que tíñamos, mandamos un Abalar copiando e pegando dita información publicada no portal e dirixímonos ao centro, sen luz ata as 9.30.

Posteriormente recibimos unha mensaxe do noso inspector (que para o que non o saiba é o noso xefe e o que manda nos mestres) dicindo que os centros educativos deberían permanecer abertos por temas de conciliación familiar. Esa marabillosa decisión, que compartiu con nós como equipo directivo, non foi tomada por nós. Son totalmente consciente do mal que están feitas as cousas e de como non se lle pode dicir a unha familia ás 9.30 ou 10 da mañá que o colexio estará aberto, xa que, probablemente, ao igual que tiven que facer eu como nai o día anterior, xa buscarían unha solución de onde deixar aos nenos e nenas, por complicada que fose, porque non lles quedou outra.

Este problema da conciliación, do que todos falamos, non é so un problema provocado por culpa de que os que mandan sobre os centros educativos deciden pechar, senón que ten que ver moito coas empresas nas que traballamos. Que non exista conciliación neste país, ou que cada vez sexa máis complicado, non é só un problema que dependa dos colexios abertos ou pechados. Ao noso centro non chegou máis información ao longo de toda a mañá.

Chegados a este punto do curso, onde quedan moitas cousas por facer, en medio de avaliacións diagnóstico, etcétera, asegúrovos que os mestres e mestras onde querían estar era no centro traballando e non «comezando as vacacións da ponte antes de tempo», como tivemos que ler nos comentarios da xente ás noticias.

En conclusión, sería marabilloso que puidésemos tomar máis decisións dende os centros, pero, como todo traballador dunha empresa que tedes un xefe, nós tamén o temos. Noemí Lage Redondo.