
Existe a España invertebrada. A baleira. Tamén a España descosida e a anestesiada. Agora introducimos un novo concepto: España avinagrada. Porque o vinagre parece correr as arterias do país. Convén aparcar. Mirármonos este Primeiro de Maio e, a falta de estímulos máis precisos, gozar con este xoves reivindicativo. En 2025 creo que se reivindica a xornada laboral de trinta e sete horas e media. Boa noticia para esta España necesitada de novas venturosas. Imaxino que a dedución da xornada vai unida á nosa realidade: o país con máis paro da Unión Europea, de maior paro feminino e de maior paro xuvenil. Sempre hai algo que celebrar. Ademais é preciso celebralo. Xa dixen arriba que corremos o risco de caer nas gadoupas da España avinagrada. E iso non pode ser. Por tal motivo lembro unha historia que me contou o meu amigo Paco Mariló hai algún tempo. Era da época na que traballaba en Andorra como pescadeiro. Tiña un andorrano que traballaba na peixería. O mozo era simpático, atendía ben á clientela e, por riba, dáballe conversa ao Mariló nos períodos de descanso. Un día pediu que lle subiran a nómina. O Mariló preguntoulle polo motivo. Constestou o traballador: «Paco, quiero advertirte que tengo a tres empresas detrás de mí». O Mariló mirouno seriamente. Só respondeu: «No me digas, caramba, caramba». O andorrano mirouno. O Mariló preguntou: «¿Y cuáles son esas empresas?». O rapaz, que era moi divertido, dixo: «La empresa del gas, la de la luz y la del teléfono». O Mariló botouse a rir. E iso é o que temos que facer todos para non caer no territorio da España avinagrada. Avinagrada porque solicita verdades e só encontra a un presidente que rara vez admite preguntas.