
Son ben ignorante en temas de economía, e por moito que lea hei de recoñecer que non son capaz de entender moitas cousas, como por exemplo cales son as razóns que levan aos bancos españois a ter unhas ganancias aínda máis grandes cas do pasado ano. Releo as novas que saían esta semana sobre os beneficios, e penso na cantidade de veces que me enfado cando teño que poñer un pé nun banco, ou na cantidade de veces que as miñas irmás e máis eu discutimos polas exorbitadas comisións que lle cobran á nosa nai por ter a súa humilde pensión nun banco galego (que é o que ten ao lado da casa, e é ao que leva indo toda a súa vida). E aínda que entendo que esa non é a razón pola que os beneficios dos bancos crecen como crecen, non deixa de ser frustrante aceptar que os que moven os cartos doutros teñan máis cartos ca nunca, e os que gardan os seus cartos canda eles teñan cada día menos capacidade económica, e que aínda por riba lle cobren extra por iso. E unha vez me enfado de novo (pois como é posible que as condicións para que non lle cobren tanto sexan tan usureiras?) lembro que teño que «escoller as miñas batallas», como din os ianquis, e que enfadarme por algo que non podo controlar non me leva a nada máis que a perder o tempo e a unha xaqueca. Mais unha non deixa de sentirse mal por deixalo pasar, especialmente cando lembra aquel histórico rescate á banca española do 2012, e ao mesmo tempo lembra que o 40 % dos pensionistas non chega a fin de mes, e que a eles non os vai rescatar ninguén...