Estivemos nós, a xente

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Así fue la noche del apagón en Pontevedra
Así fue la noche del apagón en Pontevedra Ramón Leiro

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen se viu afectada pola fuga da electricidade foi a cidadanía, nós, a xente. E cantos menos recursos, máis prexudicado. Quizais por iso quen se mantivo á fronte fomos tamén nós.

Refírome a amigos que se ofrecen a levarte, taxistas que non cobran os percorridos, veciños que soben vultos polas escaleiras ou coñecidos que chaman ás portas para preguntar se aquelas persoas máis soas, maiores ou desprotexidas precisan algo, aínda que só fose un saúdo ao outro lado que tranquilizase ou evidenciase que alí estaban en caso de necesidade.

Descoñezo se a solidariedade e a comprensión sería a mesma de o apagamento durar máis. Seguramente todo se volvería esixencias duras e inmediatas. Mais isto son só suposicións, porque sucedeu como sucedeu.

Porén, os nosos representantes non estiveron á altura. Non serei eu quen diga que non se deban pedir responsabilidades nin que non se investiguen as causas e as consecuencias. Pero vivo moi lonxe de chamar o presidente do goberno «capullo» e «cretino» e cominar a cidadanía a que o insulte pola rúa. Aínda ha suxerir un asalto ao Capitolio, digo á Moncloa. Que lapso curioso o meu!

Por riba, estas lindezas que proferiu o máximo representante de Vox viñan a teor dunha multa económica imposta ao seu partido. Porque, por suposto, os seus cartiños son máis importantes que un país sen luz.

Exaltados houbo sempre, xa o sabemos, pero estes foron elixidos para representarnos ou dirixirnos. E iso de usar insultos e sabotaxes coma medidas... había que revisalo.