Imos buscar a luz

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

La ría de Vigo durante la noche del apagón desde O Castro, la luces que se ven son barcos, puertos y faros
La ría de Vigo durante la noche del apagón desde O Castro, la luces que se ven son barcos, puertos y faros Jorge Calderón

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai vinte e sete anos que vivo na aldea. A miña veciña Lola lembra ir alumar o pan todos os anos, o trinta de abril. Xuntábase a xente do lugar, armaban fachicos de palla, ben apertados, para que o lume durase, e saían polos campos a rezar e cantar: «Aluma o pan, aluma o pan. Que cada granciño de trigo faga un ferradiño de pan». E o pan lográbase, coma un milagre. As espigas de trigo ou centeo, que era o que máis se poñía daquela, engordaban e acababan no muíño, que era comunal, cada veciño unha parte. Antón Fraguas e Xaquín Lorenzo lembran esta práctica, que na memoria da aldea onde vivo segue presente, aínda que xa non se practica. Xa non hai trigo nin centeo, e o muíño hai tempo que non traballa.

Este ano abril despediuse con outras novidades. E outros recordos. Dous días antes de alumar o pan caeu a luz. Apagada xeral. Nada novo nas aldeas, desgraciadamente. A caída de luz eléctrica hai tempo que forma parte da paisaxe rural, polo menos nesta zona, aínda que vivimos a trinta quilómetros de Santiago! Cando preguntamos, a culpa sempre a ten Negreira. Non sei que meigallo ten esta vila que a pouco que traballa o vento ou levanta o trebón o servizo eléctrico desaparece. Ás veces un par de horas, outras veces medio día. Ultimamente algo mellorou, pero as compañías de seguros din que o asunto non vai con elas. Hai uns anos pasamos a noite do 31 de decembro á luz das lareiras, afumados coma chourizos, como na Idade Media. Nunca acertaremos a explicar como podemos ser produtores de excedentes de enerxía, cos encoros e os muíños eólicos na porta da casa, e seguir tendo estes problemas.

Diante da apagada xeral do pasado luns, a señora Lola botou man dos recordos: «E logo como era antes?». Xa había tendido eléctrico, postes chantados nas leiras e nos camiños. A luz das bombillas era un suspiro, apenas un vermiño incandescente, mais era un paso xigantesco cara a civilización. Por iso cando marchaba a luz, porque o trebón descompoñía as liñas ou o vento derramaba as árbores, os veciños armábanse de varais, os mesmos que utilizaban para sacudir os castiñeiros ou as nogueiras, e alancaban polos camiños ou polo medio do monte a ver onde o vento enredara os cables para desenlealos, así durante horas, ata que recuperaban o servizo. A frase «imos buscar a luz» significa agrupación de esforzos, impulso colectivo para ver de conquistar solucións diante de problemas complexos. O do pasado luns, día 28, festividade de san Pedro Chanel, predicador na Oceanía e mártir, foi un problema complexo, abofé, que alguén nos terá que explicar de xeito convincente. Polo de agora non temos máis ca confusión e palabras. Como é posible que producindo excedentes teñamos estes problemas? Mais por se acaso, porque a previsión forma parte da sabedoría popular, a señora Lola aínda garda os varais no alboio. Nunca se sabe.