
Os misterios, misterios son, de aí que resulten inexplicables. Pero non todo na vida é misterio, claro.
Hai grandes descubrimentos científicos que se deben á casualidade. Pero a maior parte dos logros da humanidade son produto da investigación. Así chegamos a coñecer a estrutura do ADN e unha parte importante do funcionamento do noso corpo. As vacinas son froito dun longo e coidado traballo. Veño de ler que un home ata se deixou morder 200 veces por serpes velenosas para poder atopar un antídoto universal.
A investigación tamén é quen de poñer identidade a cadáveres, incluso 32 anos despois, como o caso de Evi Rauter. Tamén se atopan asasinos, como os de Eva Blanco ou Elisa Abruñedo.
Madoff estafou durante décadas ata que as formigas investigadoras desarmaron a súa estrutura. Aquí os xornalistas e os financeiros poden facer grandes equipos.
Estou convencida de que, aínda que a información sobre o universo medrou moito nos últimos tempos, non tardaremos en saber máis sobre a composición dos planetas máis próximos e outras curiosidades.
Vaia, que a investigación é básica para o avance da sociedade, que se completa coa información e a divulgación.
Logo están os enigmas: o monstro do lago Ness, os fenómenos acontecidos no triángulo das Bermudas, a Trindade e o apagamento eléctrico da semana pasada. Acabaremos por descubrilo todo, verán. Aínda que moito me tarda tamén saber onde estaba o señor Mazón o devandito día da dina, que deste xa pasaron meses. Ai, os misterios inexplicables!