Athletic

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAIS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Miguel Toña | EFE

08 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chamoume o Bernardo o pasado venres. Eu estaba convalecente: hernias discais producidas, sen dúbida, por demasiadas horas diante do ordenador. Iso di o Mariló: «Hai quen traballa coa pala e quen traballa co pico, a ti tocouche o segundo». Eu nunca entendín completamente o que me quería dicir. Un día aclaroumo: «Para vivir do pico, ou do conto coma ti, hai que pasar moitas horas sentado». Non sei se esta consideración é unha cortesía pola súa parte ou, contrariamente, unha descalificación. Prefiro non sabelo. E volvo ao venres pasado. O Bernardo díxome que aquilo era un mar de bágoas, literalmente. Eu ignoraba a que se refería ata que me contou o desgusto do Paco Mariló ao ver perder, hai sete días, ao seu Athletic da alma. Cero a tres meteulle o Manchester United. Inxustamente, baixo o meu criterio. O certo é que non lle gusta moito o fútbol, pero cando se trata dos leóns el está sempre en primeira fila. Di que os Williams son un galano do ceo. E Vivian ten raíces na comarca de Monterrei, aínda que aquí se chaman Vivián. Hoxe estará ilusionado coa remontada do seu equipo en Old Trafford, o campo do United. Non sei que pasará. Porén o Mariló aínda ten fresca a Copa do Rei do pasado ano e o paseo na gabarra pola ría de Bilbao. Anda contento. Díxome: «Caneiriño, sabes cal é a diferenza entre unha voda por todo o alto e unha celebración do Athletic?». Eu calei, non fora meter a pata. Continuou: «Na voda pimplas ata que non podes máis... e na celebración do Athletic pimplas ata que o bar queda sen existencias». A ver se esta noite acontece un milagre (todo é posible no fútbol) e o meu amigo Paco Mariló pode dar saltos de alegría. Athletic, Athletic!