
O pleno era para que o Goberno explicase a inversión millonaria en defensa, pero o apagón do 28 de abril por causas descoñecidas e a paralización de trens unha semana despois por un roubo de cables puxéronlle as cousas a güevo á oposición para lanzarse contra o presidente do Goberno Frankenstein esixindo cesamentos e dimisións. A miña nai, que sabía refráns para calquera circunstancia, ante un debate parlamentario coma o que se prevía, diría dous: «Máis doado é ao parvo preguntar que ao sabio responder» e «Fariña do diaño, toda se volve salvado». E diría ben, porque os políticos teñen enfrontamentos que por absurdos e estériles recordan os «diálogos de besugos» na revista DDT da miña infancia. Ramón Gómez de la Serna falou dun home que tiña tan mala memoria que un día esqueceu que tiña mala memoria e recuperou a memoria. Non o dixo, pero ese home era político. É o que lles pasa aos servidores públicos entre acareo e acareo. Non respectan a cidadanía nin se respectan a si mesmos, e atácanse, aldráxanse, calúmnianse, degrádanse... e, cando despois se ven na tele ou no móbil, os que teñen algo de vergoña avergóñanse e os que a perderon toda reloucan de contento e comprométense a poñerse en ridículo máis e mellor a próxima vez. Pero este debate con Pedro Sánchez e Núñez Feijoo como principais protagonistas foi a excepción. Aquí non houbo parvos que preguntasen nin sabios que respondesen, porque case todos sabían o seu papel e interpretárono na forma e no ton que cumpría. Ata o fixeron con humor. Ante un presidente de Goberno «apagado» e á defensiva, o líder do PP sacou peito e botouse a el coa arma da ironía: «Enhorabuena por el apagón. Oyéndolo, parece que quiere que se repita». E despois coa da sátira, que vén ser un estoque para rematar a faena: «El único que se benefició del apagón fue su hermano, David Sánchez, procesado ese mismo día por corrupción». O presidente contraatacou tamén con humor e acusouno de non ter equipo para tratar da enerxía eléctrica porque «el señor Tellado aún está intentado entender la diferencia entre el vatio y el voltio».
O insólito é que Pedro Sánchez presuma de equipo tendo a Beatriz Corredor na presidencia de Red Eléctrica, porque unha xestora que cobra 546.999 euros ao ano tería que «cheirar» o apagón meses antes de producirse. En fin; Pedro Sánchez dixo cousas que amolaron á dereita e Feijoo dixo outras que amolaron á esquerda, pero tan plácida foi a sesión que un deputado e tesoureiro de Vox se largou unha sesta patriótica ás tres da tarde, que en nada desmerece da de Cela no Senado, con chiste verde incluído. Capítulo á parte haille que dedicar a Gabriel Rufián, o orador máis lúcido e arriscado. E probablemente o máis chulo, que xa ten mérito.