Son unha nai triste

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MOHAMMED SABER | EFE

11 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco máis dunha semana celebrouse o Día da Nai. As redes, como era previsible, víronse inzadas de fotografías de xente amosando proxenitoras e descendentes. Eu, nada puxen.

Xantamos con miña nai ese día; e non, non fixemos ningunha foto. Podía cadrar que si, como tamén podía darse facilmente que non pasase a data con ela. Non escribín nada, mais iso non ten importancia porque ela sabe o que a quero e a cantidade de veces que me ten dado a vida, non só aquel 20 de agosto que nos vimos por primeira vez.

Síntome ben afortunada da nai que teño e da nai que son, pese a non pregoalo nun universo cibernético que cada vez me gusta menos. Con todo, son unha nai triste nos últimos tempos. Teño esa teima de pensar nos demais e estes días non me saen da cabeza tantas proxenitoras que agonizan na franxa de Gaza. Ven morrer os seus fillos de fame. Si, en pleno século XXI. A traxedia non se debe á escaseza de recursos, senón á negativa de permitir a entrada de axuda humanitaria na zona.

As nais (e as fillas) sabemos sorrir cando o pranto nos afoga o pescozo, cando as bágoas bailan na cunca dos ollos, cando o medo nos paraliza o resto do corpo, cando os pensamentos voan lixeiros a centos de quilómetros de distancia. Mais é imposible mover os beizos nun ricto agradable ao sermos conscientes de que Gaza é unha trampa mortal na que os máis inocentes carecen de oportunidade. Por iso, aseguran preferir morrer por un mísil, que é menos agónico.

Nada hai que engadir. Sobra tristura que levar ás costas.