No disponible | EUROPAPRESS

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As flores das Letras florecen en maio. Son rosas, caraveis, mapoulas con silueta de palabras. As palabras forman e conforman un dos tesouros máis valiosos de Galicia: o idioma. En torno a el, ultimamente, circulan agobios e pesimismo. Eu non comparto esa opinión. Creo que o idioma está máis vigoroso e protexido que nunca. O cento por cento da poboación entende o galego. E unha gran parte utilízao, se non de xeito constante, si en numerosas ocasións. Preocúpame máis a saúde do libro en galego que o galego en si. Aí algo non funciona. Ou funciona mal. Resulta curioso que os mozos, logo do ensino obrigatorio (onde len obras en galego), abandonan o hábito lector. Por que? A pregunta non ten unha convincente ou adecuada resposta. Quizá o máis importante é adquirir o hábito da lectura, gozar cos libros, apaixoarse con novelas ou autores. Presumir de literatura galega. Non coñezo un traballo bibliotecario en España que supere ao das bibliotecas escolares galegas. Repetidamente son premiadas e recoñecidas con importantes galardóns. A biblioteca pasou de ser un lugar de castigo a un refuxio de ventura e aventura, diversión, reflexión. O último substantivo habería que mimalo un pouco máis do que o mimamos. Non toda a literatura que se prescribe aos mozos debe ser fácil de dixerir. Os grandes libros teñen a obriga de estar presentes nas escolas e institutos e, tamén, nas universidades. Os profesores, que en Galicia son un gremio esforzado e valioso, seducirán aos rapaces para que lean. Explicar o que resulte inexplicable (a poesía, por exemplo, ou as novelas clásicas). Espero e desexo con vehemencia que os libros en galego florezan. Por maio. E no resto dos meses do ano.