
A acelerada proliferación de universidades privadas está poñendo en risco un principio básico dunha sociedade democrática: a igualdade de oportunidades, algo que só garante a universidade pública. Para deter esta burbulla de centros privados de dubidosa calidade académica, o Goberno vén de anunciar a revisión do real decreto 640/ 2021, co obxectivo de endurecer a normativa sobre a creación de novas universidades, tras a presión exercida por Sumar.
O Goberno central vai actuar aplicando criterios de viabilidade e calidade —que elaborará Aneca—, como a exixencia dun mínimo de 4.500 estudantes no prazo de cinco anos, ou establecer que as universidades online teñan carácter estatal e deban ser autorizadas polo Goberno central.
O panorama actual é bastante inquietante. O Ministerio de Ciencia ten enriba da mesa trinta solicitudes para novos centros privados, con nove xa en proceso de tramitación. A Comunidade de Madrid é o espello máis claro desta deriva: 13 universidades privadas fronte ás 6 públicas, estas últimas estranguladas por un financiamento insuficiente, situación que xa xerou fortes protestas dende a comunidade universitaria. En datos: no ano 2000 había 48 universidades públicas en España e 18 privadas; hoxe, as públicas seguen sendo 48..., pero as privadas xa son 47.
A universidade pública non soamente é formadora, senón que investiga, innova e xera coñecemento. Segundo datos oficiais, o 92,4 % do persoal investigador en España está nas universidades públicas. Mentres tanto, moitas privadas carecen de estruturas reais de investigación: nalgúns casos, teñen menos de dez investigadores ou mesmo ningún. O investimento privado en I+D é ridículo: só o 0,80 % do PIB, fronte ao 1,99 % da OCDE e o 1,80 % da UE
O desmantelamento da universidade pública, converténdoa nun nicho de negocio, avanza disfrazado de modernización e liberdade de elección. As privadas xa dominan o 50,3 % da matrícula en máster, especialmente en Madrid e Cataluña, fronte ao 32,5 % de hai dez anos. Másteres online ou profesionalizantes como avogacía, psicoloxía, docencia ou enxeñarías son agora territorio preferente para o negocio privado.
Neste contexto, e mentres o Goberno central prepara medidas que se discutirán no Consello de Universidades, é tan sorprendente coma indignante a presentación pública —desde a alcaldía da Coruña— dun novo proxecto de universidade privada grazas á autorización da Xunta. Lóxica territorial? Nula. Cobertura de titulacións inexistentes en Galicia? Mentira. O que fan é competir, saturar e fragmentar un sistema universitario galego xa consolidado e que o que realmente precisa é investimento, non réplicas privadas de escaso rigor.
Non estamos ante un fenómeno illado, senón ante unha estratexia que desmantela o servizo público universitario e substitúeo por un modelo elitista, fragmentado e sometido ás lóxicas do mercado. Permitir esta deriva sen contestación cidadá e institucional é renunciar a un dos piares fundamentais da nosa democracia: o dereito á educación superior pública, de calidade e accesible para todas as persoas, vivan onde vivan e teñan os recursos que teñan.
A universidade pública foi, e debe seguir sendo, o grande ascensor social da democracia, garantindo igualdade de oportunidades, coñecemento e acceso cualificado ao mercado de traballo.