
Escribiu García Márquez que a poesía é «esa enerxía secreta da vida que coce os garavanzos na cociña». Aí, nesa percepción que fusiona o misticismo e a realidade cotiá, é o espazo onde Pepe Mujica evidenciou ser a expresión maior da honestidade política e intelectual. Nestes días atopamos innumerables laios polo seu pasamento, e con toda certeza a inmensa maioría son tremendamente honestos. Precisamente porque o valor de Mujica é o de que na súa voz se recoñecía o timbre indiscutible da verdade, en palabras do que Machado escribiu sobre Pablo Iglesias.
Haberá, sen dúbida, intencións diversas de aproveitar e de intentar instrumentalizar a súa figura. Sempre sucede. Contra iso caberá pensar que, precisamente, unha das grandes leccións que Mujica deixou é a de non pretender driblar en curto nin ter toda a absoluta razón. A súa convicción de que a vida, e por tanto tamén a política, é imperfecta supón unha dose imbatible de realidade ante os purismos dogmáticos entre os que vivimos hoxe en día. Cambiou unha maneira de percibir os liderados. Debemos reivindicar esa imperfección, o recoñecemento de que ninguén pode aspirar á verdade absoluta e a necesidade de dialogar.
E, entre iso, é preciso desbravar o accesorio para comprender que a verdadeira revolución que Mujica liderou foi a da vontade irredutible de loitar permanentemente. Vivimos un mundo suficientemente inxusto como para que todo esforzo mereza a pena, dende o máis amplo ao máis pequeno. «Hai que traballar pola esperanza», foi un dos seus últimos legados.
Lonxe de utilizar a Mujica, aprendamos. Lonxe de reforzarnos nas cerrazóns, sexamos máis abertos. Os principios deben ser inquebrantables, mais a acción debe ser intelixente. El afirmou: «Quixen cambiar o mundo, e non cambiei nada». Penso que se equivocaba. A súa capacidade de reflexión e a visión clarividente nunca foron en van. Máis ben ao contrario, conseguiu transcender e facer que moitas persoas atopasen nel un referente. Despois dunha vida inigualable e irrepetible, foi un exemplo de astucia e valores dende un sentido común que en Galicia lembra ese saber que as avoas espallan entre os seus netos. Foi un convencido da necesidade de soñar o futuro («deixar de loitar é deixar de soñar») á vez que entendeu sempre que o chan que se pisa precisa ser firme.
Foi un astuto construtor de ilusións. Mujica foi un pragmático da esperanza.