A defensa da matanza

OPINIÓN

Ahmad Awad | EFE

22 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres se suman críticas internacionais sobre o xenocidio que se está a cometer sobre o pobo de Gaza, a dereita española segue a defender a Israel coma unha forma de política exterior que só se pode entender por unha motivación ideolóxica, relixiosa ou xeopolítica que vai alén do conflito palestino-israelí. Pensar nesta altura que a guerra segue a ter a súa xustificación no ataque terrorista de Hamás, é tanto como afirmar que os nenos asasinados son os culpables da súa morte. Podería comprender o que, para a dereita, significa Israel, símbolo na orde occidental, un Estado abrazado ao capitalismo e tecnoloxicamente avanzado, non só no militar, e inmerso nunha rexión inestable, allea no cultural, e perigosa. O que xa non podo entender é esa teima de que a loita territorial contra o pobo palestino se corresponde cunha guerra contra o terrorismo islámico, unha defensa da seguridade e os valores occidentais. Non. A realidade durísima desta guerra tan inxusta non deixa de poñer evidencias na conciencia de todos nós, sexamos de dereitas ou esquerdas, e nin sequera o silencio é neutral. As raíces da culpa hainas que buscar nos agresores, non nas vítimas, que están a ser exterminadas de xeito impune coas bombas e coa fame.

Os intereses políticos ou estratéxicos nunca poden estar por riba dos dereitos humanos. E seguir apoiando a interpretación dos bombardeos sobre miles de civís coma unha resposta lexítima, é unha posición, ao meu ver, fanática e certamente inhumana. Aceptar que esta guerra siga a se prolongar sen velo xa coma un crime de guerra constatado, é pechar os ollos e validar unha matanza que ataca de xeito inquietante o dereito internacional, a dignidade humana e mesmo a memoria das vítimas.