
Estes días deume por pensar no cómoda que me sentín sempre coa ambigüidade. Coa certeza de que non hai un xeito único de entender o mundo, senón tantos xeitos coma persoas. A definición da RAG da palabra ambiguo/a é «que se pode interpretar de diversas maneiras, que ten dous ou máis sentidos». E coido que crecer na música, interpretando composicións instrumentais alleas, axudoume a apreciar as moitas e «diversas maneiras» que temos de entender as cousas que nos rodean. Pois a experiencia musical en si é unha experiencia ambigua e abstracta (coma todas as artes), e a práctica fai que acabemos sentíndonos cómodos con esa idea de que todo está aberto a múltiples interpretacións dun mesmo concepto, dunha mesma obra.
E, aínda que a música e as artes, a través dos nosos teléfonos e ordenadores, son máis accesibles ca nunca, tolerar a ambigüidade segue sendo unha tarefa difícil, tan difícil que, en canto podemos, nos desfacemos dos matices para agarrarnos a unha interpretación única, xa de por si nesgada, que non precise da nosa interpretación persoal, da nosa opinión. E dese deixamento, dese aceptar a opinión do outro coma propia, desa falta de apreciación polos matices vén tamén esta polarización que está levando o mundo cara a un camiño cada vez máis insostible.
Pero as «verdades únicas» que empapan os titulares dos políticos actuais son cada vez máis perigosas e máis contaxiosas. E sacar as nosas propias conclusións é cada vez máis difícil, porque todo vai tan rápido que xa ninguén se para a explicarnos os matices, e sen matices non aprendemos. Sen matices extinguímonos. Sen matices non somos nada máis ca un titular que pasadomañá xa non existe...