
Un coche autónomo é un vehículo capaz de conducirse de forma automática sen intervención humana ou con intervención mínima, que basicamente toma decisións sobre dirección, aceleración, freada e navegación. A partir de aquí, a Sociedade de Enxeñeiros de Automoción (SAE) establece distintos niveis de autonomía dos vehículos. Esta clasificación serve como guía aos fabricantes, para saberen en que nivel está o seu vehículo e comparárense coa competencia; serve aos Gobernos e reguladores para lexislaren e aplicaren políticas concordantes co nivel de desenvolvemento, e por suposto aos consumidores para entenderen as capacidades e limitacións de cada coche.
Existen seis graos de autonomía definidos e aceptados internacionalmente como norma, entre o 0 e o 5, sendo o nivel 5 o de máxima autonomía:
—Nivel 0 (sen automatización): o condutor controla todo (acelerar, frear, xirar). Só hai sistemas de asistencia como alertas ou freada de emerxencia.
—Nivel 1 (asistencia ao condutor): o coche ofrece axuda nunha función específica, como o control de cruceiro adaptativo ou o mantemento de carril, pero o condutor segue sendo responsable.
—Nivel 2 (automatización parcial): o coche pode controlar a dirección e a aceleración/freada ao mesmo tempo (como o autopílot de Tesla), pero o condutor debe supervisar constantemente e estar preparado para intervir.
—Nivel 3 (automatización condicional): o coche pode conducirse só en certas condicións (como autoestradas ou tráfico lento) e o condutor só intervirá se o vehículo o solicita.
—Nivel 4 (automatización alta): o coche é completamente autónomo en situacións específicas (por exemplo, condución urbana ou taxis autónomos en zonas delimitadas). Non precisa supervisión humana.
—Nivel 5 (automatización total): o vehículo é totalmente autónomo en calquera circunstancia. Non necesita volante, pedais nin intervención humana.
Onde estamos hoxe? A maioría dos vehículos comerciais están nos niveis 1 e 2, así que na práctica xa estamos vendo «coches autónomos» na Galiza, aínda que o que queremos é ver coches que non precisen de condutor. A chegada dos coches autónomos dos niveis máis altos ao país, igual ca ao resto do mundo depende de catro factores básicos:
1.- Desenvolvemento tecnolóxico: empresas como Volvo, Waymo (antes coñecida como Google Self-Driving Car Project) e outras xa están probando coches autónomos de nivel 4 en contornas controladas e nas cidades máis avanzadas. Porén, aínda non son comúns fóra desas áreas específicas.
2.- Infraestrutura: as estradas precisan adaptacións como a sinalización axeitada, a conectividade 5G e a mapeaxe de alta precisión, algo que, coma sempre, vai levar máis tempo, sobre todo nas zonas máis afastadas e despoboadas. Conseguir unha cobertura 5G total do territorio será un dos pasos previos que hai que ir dando xa.
3.- Regulación: en España xa hai normativas que permiten a circulación de vehículos autónomos, pero estas restrínxense a probas concretas en lugares seleccionados.
4.- Demanda: que, por suposto, estará moi ligada ao prezo de mercado dos utilitarios.
A medio prazo (5-10 anos), é probable que na Galiza só sigamos vendo vehículos con niveis de autonomía baixos, equipados con sistemas avanzados de asistencia como o control automático en atascos ou o aparcadoiro autónomo. A longo prazo (10-20 anos), se se realizasen melloras nas infraestruturas e a tecnoloxía continúa avanzando, poderían aparecer vehículos autónomos dos niveis máis altos, primeiramente en contornos moi controlados, despois nas cidades e, coma sempre, o paso máis complexo dende o punto de vista das infraestruturas, no resto do país.
O ritmo de implantación, por suposto, vai parello ao progreso da tecnoloxía, que depende dos investimentos tanto de entidades públicas coma privadas, e que cómpre potenciar se queremos ser un actor relevante neste escenario imparable. Neste momento, aínda se está a tempo de elixir se queremos ser simples usuarios ou tamén fornecedores de solucións e de tecnoloxía. Hai que favorecer iniciativas que se poidan impulsar na Galiza, tales como proxectos piloto que inclúan incentivos para modernizar as estradas e os sistemas de comunicacións. Centros tecnolóxicos como o CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia) ou Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) son referentes na investigación e desenvolvemento de tecnoloxía aplicada á condución autónoma, pero, sen a implicación de toda a sociedade, non será suficiente.
O nivel 5 de condución autónoma é un obxectivo a máis longo prazo, moi complexo de acadar, sobre todo dende o punto de vista de regulación, posto que se producen dilemas morais en situacións críticas moi difíciles de resolver dende o punto de vista dunha máquina ou, mellor dito, dende o punto de vista dos programadores destas máquinas. Ninguén quere, pode, nin debería asumir a responsabilidade da toma de decisións en situacións fatais inevitables. A resolución destes dilemas posiblemente sexa un dos obxectivos da Aesia (Agencia Estatal de Supervisión de la Inteligencia Artificial) recentemente inaugurada na Coruña.
Os que traballamos con sistemas complexos sabemos que sempre haberá erros. E quen será o responsable de que un coche nivel 5 cometa un erro? O dono do coche? O vendedor do coche? O fabricante? O responsable de programación da compañía? O programador? Quen terá que contratar o seguro a terceiros?
O cambio xa está en marcha e é imparable.