
Vaia noite! Os meus veciños do piso cuarto berraban a pleno pulmón e marcaban o ritmo cos pés nunha especie de baile. Era a unha da madrugada e aquilo non acababa. Pensei en ir durmir a outra habitación; o meu piso é moi grande, pero son habitacións máis frías e con camas máis pequenas, así que quedei onde estaba e puxen uns tapóns nos oídos, que quitei enseguida porque eran inútiles para o volume dos berros. Consolábame pensando que o entusiasmo veciñal se debía ao éxito da actuación de Melody. Durante dúas semanas vira na tele pública a cantante, entoando uns segundos da canción que ía levarnos ao éxito. E tamén nos informaban da marabilla do traxe que levaba, unha xoia da artesanía española, milleiros de cristaliños unidos á man para confeccionar unha vestidura resplandecente que cubría, é un dicir, o escultural corpo da cantante, deixando, iso si, á vista, os seus numerosos encantos.
Á mañá seguinte decátome de que España quedou en antepenúltimo lugar. Busco explicacións. Numerosos expertos coinciden en que a culpa é do equipo técnico e que hai que renovalo: a canción era mala, a escenografía pobre e pouco orixinal… Atopo unhas declaracións de Netanyahu do ano pasado dicindo que o éxito de Israel en Eurovisión se debía a unha campaña preparada ao longo dun ano, que consistiu en manipular a opinión dos votantes. Non o dicía así de claro, pero entendíase que iso foi o que fixo.
Os gastos para participar en Eurovisión págaos RTVE, e o ano pasado foron case 600.000 euros… Visto o visto, pregúntome se vale a pena.