O test que podería cambiar o destino do alzhéimer

Sonia Villapol
Sonia Villapol NEUROCIENTÍFICA E PROFESORA NO TEXAS MEDICAL CENTER DE HOUSTON

OPINIÓN

OSCAR CELA

25 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O 16 de maio, a Axencia do Medicamento dos EE.UU. (FDA) aprobou o primeiro test de sangue que marca un antes e un despois na loita contra o alzhéimer. Cunha precisión do 90 %, permite detectar cambios cerebrais ata vinte anos antes de que aparezan os primeiros síntomas. Un avance histórico que podería transformar o xeito en que comprendemos e abordamos esta enfermidade.

Ata o de agora, identificar o alzhéimer nas súas fases iniciais requiría técnicas caras e invasivas, como a tomografía por emisión de positróns ou as puncións lombares, que, ademais, non adoitan estar dispoñibles na atención primaria. Esta limitación no acceso provoca atrasos no diagnóstico e impide que moitos pacientes poidan beneficiarse de novos tratamentos. Entre eles está o lecanemab, un anticorpo monoclonal aprobado xa nos EE.UU. hai dous anos e recentemente tamén en Europa, que pode frear a progresión da enfermidade se se aplica en fases iniciais. Pero, sen diagnóstico preciso, non hai acceso a estas terapias. A chave deste novo test está no biomarcador fosfo-tau217, unha proteína que aumenta os seus niveis no sangue antes de que haxa perda de memoria. Podería desempeñar un papel semellante ao colesterol LDL malo nas enfermidades cardiovasculares: un sinal temperán que permite actuar antes do dano irreversible.

O novo test do alzhéimer abre a porta a novas estratexias: dende cambios no estilo de vida ata tratamentos preventivos personalizados guiados por intelixencia artificial. E, aínda que, polo momento, non está pensado para un cribado da poboación, si se recomenda para maiores de 55 anos con deterioración cognitiva ou factores de risco como o APOE4 ou antecedentes familiares. A investigación neste campo está avanzando rapidamente. É certo que os modelos animais baseados en mutacións xenéticas non replican con exactitude os casos esporádicos de demencia e alzhéimer, que son os máis comúns. A comunidade científica é consciente destas limitacións, pero segue explorando novas vías. No noso laboratorio en Houston empregamos catro modelos diferentes de ratos e probamos múltiples enfoques terapéuticos, desde anticorpos e nanopartículas ata probióticos, coa esperanza de frear a neuroinflamación, un dos factores que podería acelerar a formación de placas amiloides e a progresión da enfermidade.

Aínda que este test non representa unha cura, si podería marcar o inicio dun novo enfoque na abordaxe do alzhéimer. Supón un avance cara á verdadeira prevención, algo que até hai pouco semellaba inalcanzable. Oxalá chegue axiña a Europa, e tamén a Galicia, porque cada día que se adianta o diagnóstico é unha oportunidade máis para preservar a memoria de quen vive con medo ao esquecemento e a enfrontarse a esta enfermidade tan devastadora.