
Moita xente non quere leis, senón xustiza. Mais a xustiza vén case sempre pola existencia de leis que non son precisamente as do mercado. Diso sabe bastante o sobado artigo 47 da Constitución española que pon ao alcance de todos o dereito a gozar dunha vivenda digna, sinalándolles aos poderes públicos o deber de promover as condicións necesarias para facer efectivo ese dereito. O Goberno español procura agora atenuar os efectos cunha nova lei de vivenda que, entre outras medidas, pretende limitar prezos nas chamadas zonas tensionadas, que cada vez son máis, ou a presión fiscal para que esas vivendas baleiras se poñan ao dispor do alugueiro. Veremos se isto, sen crearmos un verdadeiro parque de vivenda pública, poderá modificar algo a situación, porque dende hai moito tempo a vivenda someteuse en exclusiva a esas leis do mercado que adoitan chocar coas da Constitución. Cómpre un gran pacto político, unha sensibilidade institucional que contaxie a propia sociedade para que a bóla de neve non siga a medrar. E non debemos pensar que a especulación vén de fóra. A ilusión devoradora dos cartos está entre nós. Mesmo en vilas pequenas coma a que vivo, con moita xente propietaria que, na súa aposta pola vivenda turística, opta polo alugueiro de temporada, unha modalidade legal que canea as restricións do arrendamento tradicional e permite contratos máis breves, sen límites de prezos. Meterlle man a todo o que rodea a vivenda especulativa non vai ser doado cunha simple lei, e poida que non se solucione con gravar máis os pisos turísticos, nin bloqueando miles de anuncios ilegais dalgunhas plataformas, nin creando algunha vivenda pública testemuñal... Pero, cando menos, a nova lei serve para subliñar que moita xente segue a ficar fóra do artigo 47.