
Dá igual o lugar do mundo onde esteas que a maldade non entende de fronteiras. Porén, debe contar con infinidade de opcións para chegar ao destino que teña por obxectivo. É coma se a perversidade estivese movida por unha forza superior a calquera outra, máis poderosa, capaz de arramplar con todo o que se poña por diante. Pasará co mal e o ben o mesmo que coas mentiras e a verdade? Unha falacia implántanse á velocidade do demo, mentres que restituír a veracidade custa un mundo. Penso en todo isto logo de saber que varios asasinatos, a miles de quilómetros de distancia, foron cometidos apenas nun espazo dunhas horas. Un deles producíase na Cidade de México; as vítimas eran asesores políticos da xefa de goberno da cidade. Adoitamos pensar que estas cousas só acontecen lonxe, noutro tipo de sociedades, mais tamén aquí, na capital de España, abateron a tiros a outra persoa, neste caso, un exdirixente ucraíno. Aquí, si. E na porta dun colexio! Coma nas películas, nin máis nin menos. Pero sen pantalla por medio. Como nai, o primeiro que penso é na escena dramática para a rapazada. Un horror! O impacto non é só polo que poidan ver, senón tamén polos pensamentos que lles provocará. Canto vale unha vida? É tan sinxelo acabar cunha persoa? Non estamos seguros en ningures?
Eu, que xa non son unha nena, non podo deixar de cuestionarme sobre o mesmo asunto. Tan insignificantes nos volvemos? É este o pago da globalidade? Que excesivamente sinxelo é varrernos do mundo, coma se fósemos lixo.