
Quen nolo ía dicir! A formación profesional inicial (FP) era, non hai tantos anos, un premio de consolación no sistema educativo, e hoxe vaise achegando ao bacharelato como primeira opción no ensino secundario e xa supera ás universidades galegas en número de alumnos matriculados. Máis da metade dos nosos mozos, de 18 e 19 anos, estudan FP, e Galicia atópase nos primeiros postos estatais en tódalas modalidades. A FP de grao superior non deixa de medrar e os seus resultados son cada vez máis espectaculares, non só nos ciclos formativos emerxentes, senón tamén nas familias clásicas. Cunha ampla oferta e un carácter modular das ensinanzas, estase a conseguir unha boa adaptación da FP ao tecido produtivo, como demostra unha inserción laboral de preto dun 86 % dos alumnos. Modalidade de grande éxito é a FP dual, que no ano 1995 tiven a oportunidade de ver no seu berce, Alemaña, e que pouco despois se implantou aquí. Os alumnos alternan formación na escola e na empresa cun contrato que implica a alta na Seguridade Social e unha compensación económica que pode mellorar en función das competencias profesionais adquiridas.
Hai máis razóns deste éxito: o profesorado está ben formado e actualizado; estase a facer un grande investimento en equipamentos de calidade; a metodoloxía é moi práctica e motiva no estudante un interese decisivo non só para o futuro traballo, senón tamén para proseguir formándose, como demostra que un de cada catro titulados en FP superior continúe estudos na universidade, nos tres anos seguintes.
Pola contra, a universidade non deixou de recuar. O plan Bolonia, con máis de vinte anos de vixencia, acabou co que tiña de bo esta institución, máis preocupada de producir coñecemento que da boa formación dos alumnos. O nivel segue a baixar para que titule unha maioría, polo que aumenta a sobrecualificación e o paro. España é o segundo país da UE con maior porcentaxe de desemprego universitario. Empresa e universidade seguen a ser compartimentos estancos.
Está a fracasar o obxectivo esencial de conseguir que os alumnos superen a pasividade e se convertan en protagonistas da súa propia formación. Non participan, non preguntan, non teñen interese por aprender. E o profesorado, desautorizado, foxe da aula, dominada polos estudantes, e refúxiase na investigación, onde ademais está o recoñecemento académico e mesmo económico. Xa non hai rigor intelectual, non se presume de boa docencia e son moi poucos os profesores que se entregan de verdade ás clases e á titoría dos alumnos.