Círculo de Lectores

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

Luis Torres | EFE

30 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta semana deume por pensar nas cousas que, sen decatarnos, nos fan ser quen somos. Nos pequenos xestos que nos serven de guía, e dos que non sempre somos conscientes do seu impacto. Pensaba niso mentres escoitaba un episodio do meu programa de radio favorito (Documentos RNE) dedicado á historia do xa defunto Círculo de Lectores. Pois nunca reparara no impacto que tivo na miña vida que a miña irmá Teté, a maior das catro irmás, comezase a súa subscrición a esa incrible institución cando eu era aínda unha nena; no impacto que tivo que no fogar dunha familia como a nosa entrasen os libros máis relevantes da literatura. Cóntame a miña irmá que todo comezou como comezaban antes as cousas, que un día un axente do Círculo pasou pola casa, e, como ela era unha lectora voraz e andaba sempre na biblioteca pública, a nosa nai aceptou facerse socia do club para así comezar esa biblioteca familiar que nos acompañou sempre e coa que nos nutrimos todas as irmás...

Durante décadas, o Círculo de Lectores foi unha especie de porta á narrativa, á filosofía, á poesía e ao pensamento crítico para moitas familias do país que nunca antes tiveran acceso á idea de crear a súa propia biblioteca. Dicía Raquel Jimeno, a autora do libro sobre o Círculo de Lectores, que o club era un «símbolo das aspiracións de mellora social da incipiente clase media», e cando a escoitaba pensaba no que significou para a nosa casa... Pois eu son filla desa xeración que entendeu que a literatura era esencial para medrar como ser humano, e tamén son a afortunada irmá pequena que, grazas ao Círculo, creceu cunha fermosa colección de libros non escollidos que me abriu os ollos ao mundo...