Un titular do xuíz Marchena

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

xuíz Manuel Marchena deu aos medios un titular que quedará nos anais da xudicatura española: «Ninguna sociedad sobrevive si no cree en sus jueces». A min gustaríame que citase algunhas sociedades nas que se cumpriu o que afirma porque teño a sensación de que desde a Atenas de Pericles ao mundo actual ningunha sociedade democrática creu nos seus xuíces. Aristófanes, Rabelais, Quevedo, Daumier, Castelao e moitos dos bufóns que hoxe actúan en programas de radio e televisión mofáronse e mófanse dos xuíces prevaricadores, que en ningún tempo faltaron.

O xuíz Marchena largou a frase solemne despois de afirmar que as acusacións de persecución xudicial «son una infamia». E a min véñenme á memoria os nomes de xuízas e xuíces que perseguiron e acosaron a políticos, empresarios, mulleres e gais por seren políticos, empresarios, mulleres e gais; pero entendo que Marchena fala da infamia que supón cuestionar a ecuanimidade dos xuíces na confrontación política actual, e non é así.

No libro El desgobierno judicial, editado en 2004, o xurista Alejandro Nieto dicía das asociacións de xuíces: «Una asociación se ha echado en los brazos del PSOE y otra en los del PP, convirtiéndose deliberadamente en instrumentos poco menos que ciegos de ellos; percibiendo, bien es verdad, una renta conocida. Piénsese que los únicos jueces que consiguen puestos, tan apetecidos por ellos, en el autogobierno judicial son los que pertenecen a la Asociación Profesional de la Judicatura y a Jueces para la Democracia, mientras que siempre quedan fuera los de la Asociación Francisco de Victoria, por muy nutrida y prestigiada que sea, ya que carece del patronazgo de un partido político». A día de hoxe a situación é moitísimo peor e hai xuíces que nin sequera disimulan as súas fobias. Ruiz de Lara, que nas redes sociais tildara de «psicópata» a Pedro Sánchez, chamoulle despois «golpista», e «Barbigoña» á súa dona; e Eloy de Velasco descualificou a Irene Montero como se aínda fose caixeira de Mercadona. Pero o verdadeiramente grave, o que deixa sen contido a frase de Marchena, é o ataque reiterado que durante anos sufriu Podemos de xuíces con nomes e apelidos. A min os dirixentes de Podemos non me caen ben pola interpretación demagóxica que fan da Transición e pola demagoxia que en demasiadas ocasións empregan nos seus discursos; pero ao ler o libro Algo habremos hecho, de Irene Montero, recentemente editado, sinto mala conciencia por non telos defendido como debera cando estaban a ser calumniados polo Goberno, medios de comunicación reaccionarios e progresistas, xuíces que deron por boas denuncias que non se sostiñan mantendo causas abertas durante anos, e «o conseguidor comisario Villarejo». Había que salvar España dos novos estalinistas e valía todo, pero o 60 % dos españois non confiamos na Xustiza, e digo eu que algunha responsabilidade será tamén do xuíz Marchena.