
Ningún medio de comunicación está libre de dar por boa unha información falsa e propagala, pero a súa obriga é recoñecer o erro e corrixilo canto antes. É o que fixo TVE co bulo do garda civil que quería poñer unha bomba no coche de Pedro Sánchez. A información era falsa e en poucas horas desmentiuna. Pola contra, o xornal El Mundo largou en marzo de 2024 varios bulos de creación propia contra a xornalista Silvia Intxaurrondo, e durante un ano negouse a desmentilos. Esta mesma semana, a Audiencia Provincial de Madrid obrigouno a facelo.
Porén, o título deste artigo non alude aos medios de comunicación que de cando en cando propagan informacións falsas sabendo que o son, e ás veces moi graves, senón aos que fixeron da mentira e da aldraxe a razón da súa existencia e un próspero negocio. Algún ten o mérito de argallar cada ano centos de bulos que semellan verdades, pero outros, os máis pequenos, de ideoloxía ultra, non teñen chisco de enxeño nin de creatividade e diríxense á mocidade —con razón encirrada contra a democracia—, e ofrécenlle provocación e agresión sen límites, na forma máis procaz. Hai poucos días, o camerunés Bertrand Ndongo, que se presenta como «el negro de Vox», dixo na súa conta de Twitter que Silvia Intxaurrondo exerce a prostitución. Antes, el e outros fachatubers comentaran a condición trans de Begoña Gómez, a dona de Pedro Sánchez. Hai tempo chegaron ao Congreso para acosar a políticos de esquerda e rebentar roldas de prensa —en internet hai un vídeo no que se ve o ben que o fai Ndongo—, e o día 20 o Parlamento someteu a debate a reforma do regulamento para impedirlles o acceso. Patxi López repetiu palabras que din ou escriben: «Las mujeres de izquierda son feas y unas amargadas que se tienen que comprar el Satisfyer porque no tienen machos empotradores; este [por un periodista] es un felador, la mismísima mierda redomada; esta es una guarra que lleva rodilleras y se cree periodista, y esta otra, la putilla periodística de la Moncloa». Porque outra das prácticas desta tropa é atacar xornalistas de verdade presentándoos como vendidos á esquerda, ameazándoos e alcumándoos como fan con deputadas e deputados de esquerda, aos que perseguen: «Hija de puta, desquiciada, loca, imbécil...».
Patxi López dixo máis, acusou ao PP de financialos, e Gabriel Rufián fixo unha observación: os peudoxornalistas xamais acosan a políticos do PP nin de Vox. Non preguntan a Mazón pola dana, nin a Abascal pola multa de 800.000 euros que o Tribunal de Contas puxo a Vox por recibir doazóns irregulares. Naturalmente, o PP e Vox votaron contra a reforma do regulamento «porque sempre estarán a prol da liberdade de expresión».
Hai tempo, Xosé Luís Barreiro recomendou a Feijoo «pactar con Vox sen complexos». Daquela pareceume un mal consello, pero hoxe recoñezo que tiña razón porque o PP de Feijoo cada día se asemella máis a Vox, e Feijoo a Abascal.