St. Jakobshalle-Lavacolla

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

07 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito tempo, decidiuse designar o aeroporto de Lavacolla co nome de Rosalía de Castro. Non creo que Rosalía aprobase o abandono do histórico topónimo, que o Códice Calixtino, no século XII, describe como «un sitio de moito arboredo, que se chama Lavacolla porque a xente francesa que peregrina a Santiago acostuma lavarse nel … por amor ao Apóstolo». Os cambios de topónimo por antropónimo deben facerse con moito tino; un exemplo, salvando as distancias: a St. Jakobshalle onde se celebrou a última edición de Eurovisión. Recentemente renovada, o departamento de Deportes anunciou que pasaría a chamarse Roger Federer Arena, pero a proposta foi rexeitada por votación do Concello. A transcendencia europea de Santiago segue vixente.

A terminal compostelá de Lavacolla, de Noguerol e Díaz, antesala do Monte do Gozo e da cidade, é un grande exercicio de arquitectura. Se a rodeamos polos valos do recinto de seguridade, apreciamos a acertada implantación no contorno e a sobriedade e elegancia de liñas; se entramos, destaca a claridade e funcionalidade dos espazos, e sempre a precisión construtiva.

Arestora faltan no aeroporto voos e pasaxeiros, como era previsible pola competencia do ferrocarril nas rutas nacionais e do Sá Carneiro do Porto nas internacionais. Preocúpame que arredor do turismo e do Camiño en Compostela haxa dúas versións tan diverxentes, a máis restritiva do Concello e a expansiva da Xunta, para entendernos. Algo parecido á discrepancia sobre a taxa turística, que ao final non vai ser útil para disuadir, tal como se proclamaba, senón para compensar os custos da acollida e a restauración do uso.

Escribín hai un par de anos neste xornal que, se todos os camiños son Camiño de Santiago, adeus Camiño. É difícil mesturar a transcendencia, non necesariamente relixiosa, que busca o peregrino co reto dos camiñantes que elixen unha senda como tantas que se promoven en todo o mundo. O día que as redes o cancelen ou os operadores turísticos miren a outro lado, o Camiño de Santiago pode saír prexudicado. O dilema non é tanto a capacidade de ocupación das rutas como preservar o espazo que reclama quen busca a reflexión e o silencio, que é o leitmotiv da peregrinación.

Cando existen estas diverxencias conceptuais na recepción de visitantes a Santiago, a única solución é poñerse de acordo. Para iso creamos hai moitos anos o Consorcio da cidade, co obxectivo de cooperar e marcar entre as tres Administracións públicas os límites da promoción e a acollida, neste caso de común acordo coa Igrexa.