O circo

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Borja Sanchez-Trillo | EFE

14 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O circo, o da civilización antiga, era un recinto cos extremos arredondados, cheo de chanzos para aloxar o público, que asistía a gozar de distintos espectáculos, como as tan coñecidas loitas de gladiadores. Formar parte dos espectadores seguro que non sería unha experiencia agradable para min, que xa sinto desasosego vendo a deriva da actualidade, con espectáculos cada vez máis esperpénticos. Por certo, que estes tampouco me resultan nada divertidos. Ao contrario, cáusanme moita incomodidade.

Vale coa presunción de inocencia, pero, en certas situacións, ademais de ser inocente, hai que parecelo e resultar elegantes. Pero aquí ninguén dimite, todos ás súas poltronas, que non llelas quiten! Hai acusacións, sospeitas, correos existentes e borrados... Se fose fiscal xeral, dimitiría e, logo de demostrar a inocencia, levaría a cabeza ben alta. Agora, todo enlamado, o único que fai é acrecentar a dúbida. O señor Amador, outro tanto. Que se lle ofrecen un pacto, ai, non, que o ofrece el, que filtran datos, que filtro eu... E agora quéixome porque se publican as cousas.

Leire, a quen ninguén coñecía, e, de súpeto... non sei se será fontaneira, pero naceu unha estrela. Rolda de prensa ao canto e aos programas de televisión. Nin idea do que hai de verdade en todo isto, pero... cheirar non cheira ben. Espectáculo asegurado con Santos Cerdán. Veña gladiadores á area, loitando polo poder, non vaian perdelo. O dito: un circo.