
Á mantenta deixo correr os días sen comentar a actitude da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, na conferencia de comunidades autónomas celebrada en Barcelona, onde cada quen tiña oportunidade de intervir no idioma propio. Deixei correr o tempo porque estas cousas mellor é comentalas coa cabeza fría e porque a actitude da presidenta madrileña ten moito máis calado do que parece. Quero pensar que o Partido Popular, se aspira a gobernar algún día isto que chamamos España, ou Estado español, tanto ten para o caso, deberá contemplar doutra maneira a realidade plural que nos define e que a Constitución recoñece. Mal irán as cousas se a postura da señora Ayuso é a dominante. Ben estaría que dende o partido da dereita empezasen a traballar nun discurso diferente, que poida deitar pontes, non levantar muros que, entre outras cousas, impiden chegar a acordos máis alá da autocompracencia da propia parroquia. Non é só a cuestión dos idiomas. Pero esta cuestión é importante.
Hai poucos meses, o Parlamento español organizou un encontro entre as academias e institucións representativas das distintas linguas do Estado para conmemorar o recoñecemento das mesmas alí onde se supón que está a soberanía dos pobos de España. Alá fomos galegos, vascos, cataláns, valencianos... Entre os asistentes estaban todos os grupos políticos representados nas Cámaras, escoitando os presidentes das academias. Todos menos o Partido Popular e Vox, que seica non consideraron conveniente a súa presenza.
A posición da presidenta Díaz Ayuso non é, pois, un caso illado. Outra cousa é que as sensibilidades máis democráticas do partido (ou simplemente as máis intelixentes) estean en condicións de elaborar un discurso distinto, sen o cal vai ser moi difícil chegar a acordos fóra da propia parroquia, repito, que dá de si o que dá de si. Pedagoxía social. Moitas veces falamos aquí desta necesidade. Hai unha España profunda, radicalizada en esencias case que medievais, que non quere saber nada do que non sexa a uniformidade dos principios únicos, os cantares da Reconquista e a vella pompa do imperio, unha España parada no tempo á que se dirixe o discurso da señora Ayuso, que ten a súa clientela, mais que é incompatible coa modernidade e eu diría que coa realidade, que é plural e diversa. O que non se entende non se ama e, ademais, asusta.
Pero case nos mesmos días un grupo de alumnos e alumnas do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela ofrecéronnos un espectáculo de cordialidade, intelixencia e amor á lingua galega que non quixera deixar pasar, porque é a outra cara da moeda. Con eles quero titular esta marea. Corenta rapaces en escena. Música, pandeiretas, unha percusión magnífica, voces harmonizadas. O saber do pobo. O sabor das cantigas, titúlase. Noventa minutos de actuación entre o rock and roll e os cantos patrimoniais. Todo coa intelixencia e o talento da mocidade e do profesorado (Pedro Lamas, Pablo López, Olga Veiga), do departamento de artes escénicas e musicais do centro. Aquí está o futuro. O músculo da esperanza.