
Que La Voz de Galicia é un xornal de dereitas xa o dicían hai cincuenta anos dirixentes nacionalistas porque non estaba escrito en galego. Que as páxinas de cultura e de opinión acollesen artigos en galego, que en 1976 publicase o curso O galego hoxe e que o premio Fernández Latorre de xornalismo se concedese indistintamente a traballos en galego e castelán non era abondo. Que menos que dar o cincuenta por cento da información en galego! Cos cartos de Santiago Rey, claro; porque ningún dirixente dixo que o nacionalismo e os defensores do galego compensariamos as perdas económicas que ese troco causaría. Integramente en galego ía ser o xornal Galicia, proxectado por Luis Seoane e Díaz Pardo, e vendéronse accións, pero morreu Seoane e non se fixo; así que La Voz seguiu sendo un xornal de dereitas por non promover como debería a normalización do galego.
Hoxe La Voz de Galicia é de dereitas polas ideas expostas nas páxinas de opinión. Será —digo eu— que os opinadores de dereitas son mellores comunicadores que os de esquerdas, porque en número andamos á par. Porén, eu leo a Fernando Salgado e recordo os versos de Calderón: «¿A quién quedarán recelos viendo verdades tan claras?». Porque Fernando Salgado non elucubra e vai aos feitos, que escribe polo sistema métrico decimal; pero nin Fernando Salgado nin o mesmísimo san Bernardo, que convertía ata os que non o entendían, poden cambiar o voto dos seareiros da dereita, como ningún opinador da dereita cambia o voto dos seareiros da esquerda. Os seareiros da política son coma os do fútbol, e, se o VAR non impide que uns vexan a falta un metro fóra da área e os contrarios un metro dentro, os argumentos dos opinadores nada valen, que por un ollo lles entran e polo outro lles saen. E logo está o que «contralé». Se Fernando Salgado di que nunca houbo en España tantos traballadores afiliados á Seguridade Social, o seareiro de dereitas contralé e comenta: «Si, o Pedro Sánchez que non ía pactar cos independentistas cataláns». E se Fernando escribe que nunca houbo máis mulleres traballando en España, o contralector responde: «E do irmanísimo e de Tito Berni, que?».
O liberalismo como ideoloxía política foi aborrecido polo fascismo, o comunismo e o franquismo. Porén, o liberal ve se a falta foi dentro ou fóra da área e dío, e na política está tan lonxe do sectarismo de esquerdas coma do de dereitas. Liberal era Santiago Rey Fernández-Latorre, que quería ver na mesma páxina artigos ideoloxicamente enfrontados e asinou editoriais que ningún medio de dereitas nin de esquerdas publicaría en España. O do pasado día 6, titulado Manifestación ¿para qué?, podería ser seu. E pregunto: De verdade alguén cun chisco de «sentidiño» pensa que ese artigo é dun xornal de dereitas?