Deixen falar a Barbero: en defensa da política e do xornalismo
OPINIÓN

O pasado 10 de xuño, un tiktoker rebentou unha rolda de prensa no Congreso dos Deputados da portavoz parlamentaria do Grupo Plurinacional de Sumar, a galega Verónica Barbero, quen, con elegancia e moita paciencia, tivo que soportar berros e insultos daqueles que circulan impunes entre os micros e as cámaras nunha das institucións máis importantes do Estado. Non foi a primeira vez que Barbero sufriu as interrupcións destes verdadeiros okupas, xa que hai semanas Bertrand Ndongo, acreditado polos propietarios dunha páxina web (nin o dereito teñen de ser un pseudomedio), tamén provocou a cancelación dunha rolda de prensa impedindo ás e aos xornalistas facer o seu traballo.
O que se está vivindo é sumamente grave, pois impide o desenvolvemento normal dunha «esfera pública» no sentido habermasiano, onde interactúan a clase política, os medios e a sociedade civil para ordenar a axenda (os temas de debate nun momento determinado), deliberar as prioridades, realizar un proceso de rendición de contas, reorientar as propostas e, se procede, sancionar o Goberno. Así, as políticas e os políticos teñen o dereito a expoñer as súas ideas, e os e as xornalistas teñen o dereito de preguntar para contradicilos, con preguntas que incomoden e que poden perfectamente responder á lexítima liña editorial do medio. Liñas editoriais que, como non podería ser doutra forma, son (e deben ser) plurais en democracia. Diso se trata a fiscalización do poder.
Ante esta degradación, cómpre actuar en tres grandes direccións. En primeiro lugar, restrinxir o uso do carné de xornalistas a manipuladores, axitadores ultra de extrema dereita ou a representantes de pseudomedios. Síntoo, non todo o mundo pode exercer de xornalista. Como non todo o mundo pode exercer de médica, politóloga ou química. E, dende logo, isto non significa unha «restrición de liberdades», senón condición necesaria para termos o dereito á información, recollida na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e no Pacto Internacional dos Dereitos Civís e Políticos. E base, á súa vez, dunha verdadeira liberdade de expresión cunha cidadanía informada. Esta regulación debería estar en man de colexios profesionais, facultades, medios acreditados con longa traxectoria e tamén en certas entidades do terceiro sector. Non se trata de que a Mesa do Congreso limite o acceso a certas persoas a través dunha reforma do regulamento. Isto quedaríase curto. É algo máis profundo.
En segundo lugar, un pacto político polo dereito á información, que implica un cordón sanitario a aquelas persoas, colectivos e pseudomedios que practican habitualmente a desinformación, o odio e a axitación. Dende logo, é algo máis que as medidas primeiro anunciadas e logo esquecidas por Pedro Sánchez. Eles son os que promoven a polarización que tanto criticamos e que algúns medios convencionais ás veces semellan abrazar. Neste pacto político debe estar o Partido Popular, que non debe seguir coas teses da extrema dereita. Por que non asumirán dunha vez o rol dun partido moderado de dereita homologado ao resto de partidos conservadores europeos? Apelan a supostas ideas liberais para defender o indefendible, cando precisamente o liberalismo político (clásico) acredita na existencia de certas regras de xogo para a convivencia democrática entre os distintos. Este pacto político, pois, significa non responderlles e non financialos: nin publicidade institucional nin subvencións. Non alimentar os monstros.
E en terceiro lugar, a esixencia ás redes sociais de códigos deontolóxicos (estas redes son a principal fonte de información das persoas máis novas, e case que a segunda no conxunto da poboación, segundo o CIS). Xa son un medio máis e non só repositorios. Deben ter regras, ou cando menos as mesmas regras que o resto de medios. Os intentos de control da desinformación mediante verificadores ou fact-checking xa fracasaron. Un algoritmo en aberto e o uso da intelixencia artificial integrada fai perfectamente factible diferenciar información de opinión e permitiría a aplicación deste códigos, tamén aos axitadores disfrazados de tiktokers ou youtubers.
En defensa da política e do xornalismo, agardo que na próxima rolda de prensa no Congreso dos Deputados se lle deixe falar a Barbero. E tamén ao resto de portavoces. Como cidadán, como profesor ou como político, penso que as súas propostas son moito máis interesantes que o ruído.