2005-2025: vinte anos do cambio político en Galicia

José Manuel Lage Tuñas
José Manuel Lage Tuñas PRIMEIRO TENENTE DE ALCALDESA DO CONCELLO DA CORUÑA

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

19 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O 19 de xuño de 2005 non foi un día máis no calendario político galego. Foi a data na que Galicia, despois de 16 anos de Goberno da dereita, decidiu apostar polo cambio. Da man do PSdeG-PSOE e do liderado de Emilio Pérez Touriño, abríase unha nova etapa de esperanza, de modernización e de compromiso co país. Dúas décadas despois, aquela xornada merece ser lembrada non só como un fito electoral, senón como un punto de inflexión na nosa historia recente.

Un traxecto que comezamos no congreso socialista de Ourense un 10 de outubro de 1998, baseado en dous piares: socialdemocracia e galeguismo, ou sexa, crecemento económico, xustiza e benestar social e compromiso co país. Botar a vista atrás non está de máis para recordar como construímos un proxecto que agrupou a moita xente progresista que sentía a necesidade de cambio para facer un país moderno, comprometido social e culturalmente, que mellorara a sanidade e a educación pública e que impulsara as infraestruturas e a economía.

Porque o cambio do 2005 non foi só un relevo de siglas: foi a expresión dunha maioría social que anhelaba outra Galicia, un país que se recoñecera na súa identidade plural, no respecto polo medio natural e que puxera ás persoas no centro das políticas públicas. E dende o comezo, o Goberno presidido por Touriño deixou claro que cría noutra forma de facer as cousas, combinando rigor técnico e sensibilidade social, nun equilibrio pouco frecuente na política contemporánea.

A primeira norma que aprobamos no Parlamento foi a lei contra a violencia de xénero, marcando claramente o noso compromiso social, posteriormente ampliado coa aprobación da lei galega de igualdade no traballo. Feitos, non propaganda. Apostou pola defensa da sanidade pública, impulsando plans de choque para reducir as listas de espera, modernizando a atención primaria e garantindo o acceso universal. Daquela non había que agardar, coma hoxe, ata 13 días para ser atendido polo médico de familia. No ámbito educativo implantouse a gratuidade dos libros de texto, ampliouse a rede de escolas infantís, avanzouse na igualdade de oportunidades e reforzouse o uso do galego como ferramenta de cohesión.

Mais o cambio tamén puxo cabeza na desfeita. A protección do litoral, as primeiras directrices de ordenación do territorio ou a preservación de espazos naturais marcaron unha nova relación co territorio. Avanzáronse apostas de futuro na ordenación das estruturas agrarias e forestais e apostouse pola vivenda obrigando a reservar o 40 % do solo para vivenda de protección, medida que o PP de Feijoo deixou sen efecto.

A vertebración do país foi outra prioridade. Aparecen novas autovías da Costa da Morte, O Salnés ou Barbanza para substituír o vello modelo das vías rápidas, tristemente famosas pola súa enorme sinistralidade; erradícanse varias peaxes da AP-9 (Barcala-A Coruña e Vigo-Morrazo) e mesmo se rescata para o público o treito da autoestrada Lalín-Ourense, que o PP puxera coma vía de pago afondando na fenda entre a Galicia interior e costeira. Tamén foi o tempo no que se acelerou a construción do AVE, co impulso de Touriño, Zapatero e Blanco, que foron capaces de manter o forte investimento en Galicia fronte ao egoísmo que predicaba daquela o nacionalismo catalán.

Non menos relevante foi o compromiso coa cultura e a lingua, ca Xunta asumindo sen complexos o valor do galego como patrimonio común e como chave para avanzar nun modelo propio de país, aberto, integrador e europeo.

Vinte anos despois, aquel Goberno continúa sendo lembrado como unha etapa valente e necesaria, malia a súa brevidade. Non fixo todo, pero iniciou moito. E sobre todo, demostrou que se podía gobernar Galicia desde a esquerda, con orgullo de país e con ambición transformadora.

Lembrar hoxe aquel legado non é un exercicio de nostalxia, senón de responsabilidade. Porque as conquistas sociais, ambientais e culturais daquela etapa seguen a ser referencias para os que soñamos cunha Galicia emprendedora, máis xusta, verde e viva. Porque a política útil, a que mellora a vida das persoas, é posible. E porque, vinte anos despois seguimos a crer que este país necesita unha alternativa socialdemócrata e galeguista, un PSdeG que poña a Galicia por diante de calquera outra cousa.