A estratexia das palabras

OPINIÓN

PSOE / EVA ERCOLANESE | EFE

19 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando intento imaxinar as conversas nos departamentos que cocen as estratexias de comunicación dos partidos, volvo a aqueles días do patio de colexio con aqueles berros sen xeito que se funden na memoria cun rumor estraño e sufocado, onde sempre se impón a voz dos abusóns, dos que insultan e maltratan. Sospeito que nesa agresividade para destruír o contrario non hai nada de improvisación. Ten que haber unha morea de reunións creativas que xa non se esmeran en construír palabras travestidas que busquen un dobre sentido, senón insultos directos que rozan a ilegalidade, un odio que se vai revelando aos poucos e mentiras a conciencia que sempre terán que rexeitar e probar as vítimas. As palabras simplifican a realidade a límites impensables e rexistran a rabia e o fanatismo que despois espallan as redes dun xeito tan esaxerado coma perigoso. Esa brutalidade disciplinada das palabras que se manipulan nesas conversas estratéxicas collen peso despois na voz dos políticos e estalan na boca coma petardos. Nas frases curtas xa non hai sutileza nin sequera ideoloxía. Hai un intento obsceno de deslexitimar o contrario e, con iso, as mesmas institucións democráticas. Coa evidente corrupción nas filas do PSOE e un sangrado constante de información que, por lóxica, procurará vincular o presidente, os estrategos dos partidos terán estes días un traballo extra, e non quero nin imaxinar a pólvora coa que se cargarán as palabras para botaren da Moncloa ao que moitos xa vén coma un intruso. Queda por ver as palabras nas que este se atrincheirará como defensa diante da enxurrada que lle vai caer. Talvez a única defensa sexa o estado benévolo da economía e a súa propia resistencia, que xa demostrou máis dunha vez que non é pouca. Dependerá das palabras, e dos feitos.