
A sesión de control das mañás dos mércores é, sen dúbida, un momento central da vida parlamentaria no Congreso dos Deputados. Durante unha hora e media a oposición ten a oportunidade de preguntar ao Goberno polas cuestións que, na súa opinión, reflicten as principais preocupacións da cidadanía. A oposición pregunta e o Goberno responde, esa é a dinámica parlamentaria.
Con todo, nos últimos meses este labor de interpelación e de control ao Goberno tense degradado dun xeito inaceptable. Os grupos maioritarios da oposición deixaron de falar de cuestións concretas e reais da vida da xente para encher o Congreso coa súa estratexia da tensión, na que está instalada a dereita desde as eleccións de xullo de 2023.
Pero, ademais desta estratexia que elude falar das preocupacións reais da cidadanía, nestes meses tamén se deteriorou ao extremo a calidade das preguntas, a forma concreta na que se rexistran, ata constituírse nunha auténtica antoloxía do disparate.
Vou reproducir na súa literalidade as preguntas que as deputadas e deputados do Partido Popular rexistraron no Congreso para a sesión de control do mércores 12 de xuño.
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijoo, formúlalle ao presidente do Goberno a seguinte pregunta: «Cree que España merece ter un presidente de Goberno como vostede?»
Concepción Gamarra pregúntalle á ministra de Facenda: «Ata cando van resistir?». Elías Bendodo pregúntalle á mesma ministra: «Son éticas as decisións que está a tomar?». Pola súa banda, Jaime de Olano pregúntalle a María Jesús Montero: «É a recadación a única prioridade do Goberno?»
Miguel Tellado pregúntalle a Félix Bolaños: «Cre que estivo á altura como ministro de Xustiza?». E Esther Muñoz pregúntalle: «Considera normal todo o que está a suceder en España?». Para terminar, aínda que hai máis, a pregunta de Carmen Funes ao ministro do Interior: «Ten algo que contarnos sobre o que está a suceder no seu ministerio?»
Insisto en que é a reprodución literal, sen ningún engadido nin omisión, tal e como se pode comprobar na web do Congreso. Estas preguntas son unha vergoña, propias dunha antoloxía do disparate, que rebaixan a calidade do debate parlamentario a niveis inaceptables. Formular unha pregunta xenérica, que permita unha exposición vinculada á actualidade, non só é lexítimo senón aconsellable, porque é bo que non se produza un debate encorsetado e ríxido. Pero as preguntas que se acaban de reproducir demostran un inaceptable desprezo polo mínimo rigor parlamentario, que impide un debate serio entre Goberno e oposición.
É un problema de calidade democrática, de deterioro das institucións, de falta do respecto á cidadanía. As preguntas, na súa formulación escrita e, sobre todo, na súa exposición posterior —que en xeral nada ten que ver co rexistrado—, non teñen como obxectivo demandar explicacións concretas ao Goberno sobre as súas actuacións, senón que son utilizadas para reiterar, semana tras semana, as mesmas descualificacións tanto políticas como persoais aos membros do Goberno, con expresións que só a inmunidade parlamentaria de quen as pronuncia impide que se constitúan como un delito de calumnias.