Dúas xuízas en Gaza: o compromiso cos dereitos humanos
OPINIÓN

Nun mundo onde a barbarie se volve rutina, onde os titulares duran menos que a dor das vítimas, non podemos aceptar que a inxustiza nos sexa indiferente. Resulta intolerable que os crimes contra a humanidade se normalicen e que a legalidade internacional quede reducida a papel mollado mentres miles de civís son asasinados, famentos ou abandonados no desleixo. Ningún conflito xustifica o castigo colectivo nin o esquecemento das vítimas. A comunidade internacional non debería permanecer allea, pois a inacción é tamén unha forma de violencia. Permanecer en silencio fronte á inxustiza fainos cómplices da súa repetición.
As bombas non distinguen entre combatentes e inocentes. Baixo o ruxido da morte os dereitos humanos esvaécense entre os cascallos. Gaza necesita máis ca nunca o alento da legalidade internacional e a man tendida da solidariedade xurídica.
Máis alá da análise xeopolítica, hai un principio básico que está a ser violado: o dereito internacional humanitario, consagrado nos Convenios de Xenebra de 1949, que obriga á protección das persoas civís en tempos de conflito armado, incluso cando son utilizadas como escudo. O contrario sería aceptar que a atrocidade teña escusas. Bombardear hospitais, privar a poboación de auga, impedir a entrada de axuda médica ou alimentaria son actos que infrinxen ese marco legal común e constitúen crimes de guerra. O 12 de xuño de 2025, a Asemblea Xeral da ONU aprobou unha resolución que condena o uso da fame como método de guerra e a denegación ilícita do acceso humanitario en Gaza, e destaca a obriga de non privar á poboación civil de bens indispensables para a súa supervivencia.
A nosa voz como xuristas non é neutra. É comprometida cos dereitos humanos. Exemplo deste compromiso son Pilar e Leonor, prezadas compañeiras pertencentes á asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia e á Asociación Mujeres Juezas España (AMJE), que participan na Marcha Global a Gaza, co obxectivo inmediato de mobilizar á cidadanía de todo o mundo para establecer un corredor humanitario permanente cara a Gaza.
Malala Yousafzai afirmou: «Un neno, un mestre, un libro e un lapis poden cambiar o mundo». Pero que futuro pode haber para eses nenos e nenas se non garantimos agora o seu dereito a vivir, a comer, a recibir atención médica? Que valen as palabras se non abrimos camiños reais para a supervivencia? Mesmo cando a crueldade usa corpos inocentes como escudo, a responsabilidade moral e legal permanece: a vida civil non se negocia. O dereito humanitario internacional non exime da obriga de protexer a quen sofre. Nin a complexidade do conflito, nin as violacións cometidas xustifican o abandono da protección da poboación civil.
A misión na que participan Leonor e Pilar está tendo atrancos, con detencións e deportacións, pero elas érguense como gardiás da xustiza. Nun mar de devastación e sufrimento, loitan por que floreza a dignidade e se teza a supervivencia. A acción movida pola compaixón é o primeiro chanzo cara á xustiza. Cando os pobos sangran, os xuristas debemos actuar.