A violencia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitos estudos publicados sobre as consecuencias da exposición á violencia nos medios, sobre a nosa insensibilización. Sen dúbida a violencia está por todas partes: arredor de nós, na política internacional, no audiovisual... Pero eu non podo evitar darlle voltas á cabeza sobre o que significa estar constantemente expostos a ela. Só hai que botar unha ollada aos conflitos internacionais para ver que hai comunidades nas que, por desgraza, é imposible fuxir dela ou evitala. Tamén hai comunidades nas que a violencia aparece en contextos concretos, relacionados co crime, ou coas relacións humanas (e que moitas veces tamén é imposible evitala). Pero para os afortunados que non están constantemente expostos a algún tipo de violencia física ou real, que significa que, sen querelo, nos expoñan a ela acotío a través dos medios?

Ultimamente a versión dixital dos xornais tende a amosar unha sección de vídeos curtos sobre noticias que son ou serán virais. Vídeos que, como pasa nas redes sociais, non podes evitar ver, pois moitas veces a reprodución é automática, e unha vez entras ao xornal aparecen aí, na portada dixital, sen previo aviso do seu contido. E eu, unha vez vistos, aínda que sexa por un segundo, por desgraza xa non podo deixar de reproducilos na miña cabeza. E cando ese contido é violento ou catastrófico, entón pregúntome: cal é o obxectivo de amosalo sen contexto? Quizais a resposta estea relacionada co presente e futuro dos medios de comunicación, co feito de que teñen que xerar clics, e estar constantemente captando a nosa atención para poder sobrevivir nunha realidade que, cada vez máis, achégase ás novas a través das redes sociais.