
En 1979, o PSOE celebrou o centenario da súa creación co lema «Cien años de honradez». Era precioso, pero falso. As acusacións de corrupción na Segunda República chegaran a varios dirixentes socialistas, e o partido perdera credibilidade. Porén, estabamos a construír unha España democrática e o lema non xerou controversia. O escándalo produciuse en 1990, cando Juan Guerra, irmán do vicepresidente Alfonso Guerra, foi acusado de delitos que ían da prevaricación e malversación de fondos á usurpación de funcións, polas actividades que desenvolvía nun despacho da Delegación do Goberno en Andalucía. Un ano despois, Alfonso Guerra dimitiu e os militantes e votantes socialistas tentaron explicar a desfeita co financiamento irregular dos partidos, do que xa había antecedentes na dereita co caso Naseiro. Pero en 1994 Luis Roldán, director xeral da Garda Civil, fugado cando ía ser xulgado por enriquecemento ilícito, apareceu en varias fotos da revista Interviú en panos menores e rodeado de prostitutas. E aí non houbo explicación posible. Eu, que nada tiña co PSOE, sentinme avergoñado e alegreime de que meu pai, albanel condenado a 30 anos de cárcere, entre outras causas por estar afiliado á UXT e militar no PSOE, non puidese velas. Era todo tan ridículo e tan noxento que —pensei— non podería repetirse. Na esquerda, polo menos, non.
Errei. Fotos non hai, pero a información veraz sobre Tito Berni, Koldo e Ábalos di que son os novos Roldáns, a mesma canalla, igualmente humillante para o electorado socialista. A imputación de Santos Cerdán «por delitos de organización criminal y cohecho» obrigou a Pedro Sánchez a dar a cara e pedir perdón aos españois. «Tarde piaches», presidente. O que os españois queren é ver fóra dos Parlamentos os políticos corruptos; e os votantes do PSOE que deixe perfectamente claro, sen a máis mínima dúbida, que poden seguir confiando na súa honradez. Isto é máis, moito máis, que uns casos de corrupción. O que está en xogo é a confianza nun líder e nun partido. Por iso, os que o elixiron queren que responda á petición que Gabriel Rufián lle fixo o pasado mércores no Congreso: «Xure que non estamos ante a Gürtel do PSOE; que nos informes da UCO non veremos nunca un papel co nome P. Sánchez».
Se, como parece, a intervención de Rufián cabreou os dirixentes do PSOE é que andan nas verzas e non entenden que á cidadanía xa non nos valen as peticións de perdón nin as promesas de emenda. E á de esquerdas tampouco nos vale a alternativa: «PSOE ou Vox». Se Vox chega ao Goberno será culpa de Pedro Sánchez e do PSOE, non do electorado de esquerdas.