Será nos cemiterios?

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

22 jun 2025 . Actualizado a las 12:16 h.

Gústanos visitar as pequenas igrexas e camposantos parroquiais de Galicia, intentar descifrar as campas do adro, case borradas, percorrer as aliñacións de nichos con lápidas máis ou menos requintadas que prometen lembranza e descanso eterno, algunhas con fotos ás que podemos atribuírlles unha historia, comparar case sempre con desgusto as ampliacións recentes, que contrastan coa arquitectura da historia. Na sociedade campesiña da que procedemos case todos, a morte era pragmatismo e resignación ante un destino imparable, pranto e consolo comunitario. Agora, nos asépticos tanatorios, é distancia e dilixencia para concluír o trámite, reducindo a dor á intimidade.

Nos cemiterios urbanos facemos un exercicio distinto, procurando as tumbas ou os panteóns dos ilustres, artistas, próceres ou filántropos. Uns e outros cemiterios son, por así dicilo, lugares democráticos onde se evoca, se esquece ou mesmo se transforma a maldade e a bondade. Son tamén lugares de reconciliación. Hai tempo que exhumei, literalmente, a lembranza de José Germán Fernández, o derradeiro alcalde republicano de Santiago de Compostela. O seu prendemento o 20 de xullo de 1936, xuízo sumario e execución, a triste historia do fillo que se fixo falanxista, talvez para protexerse e protexer a súa valorosa nai, que finalmente os reuniu nunha sepultura de Boisaca, amigos e inimigos unidos no silencio.

Acaso pensan que van ser inmortais os sátrapas que pisotean os máis débiles e sementan o terror? Os ditadores de todo tipo que van producindo desgarros nas sociedades pensarán que, aínda que hoxe ganen a contenda, o tempo vai edulcorar a súa memoria? Ou aqueles epulóns que especulan ata a saciedade sen importarlles que os herdeiros poidan facer logo o que queiran?

Quero pensar que as persoas exemplares, sen ter que mitificalas, seguirano sendo, aquelas que creron unha ética común que leva consigo unha moral persoal comprometida e que hoxe pode ser definida por palabras como liberdade de un mesmo compartida coa dos demais, igualdade para equilibrar a balanza da fortuna, diferenza; que son acaso as cidades senón a concertación das diferenzas? Ética para una sostibilidade que garanta o futuro, democracia participativa e de pensamento libre, civismo que é autorresponsabilidade, porque non todo cae nas mans das administracións, normas e leis, compromiso co presente e o futuro en común, cooperación porque nos necesitamos, sensibilidade porque nos xunta, utopía para pensar no porvir.

Teremos que esperar a atoparnos nos cemiterios para que a bondade se impoña á maldade?