Begoña Caamaño: a voz das silenciadas

Uxía Senlle CANTANTE E COMPOSITORA

OPINIÓN

XOAN CARLOS GIL

22 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A vida de Begoña Caamaño foi un fío de luz e resistencia tecido con palabras. Xornalista, escritora, feminista e intelectual comprometida, deixou un legado profundo que será recoñecido nas Letras Galegas 2026. Ela súmase á homenaxe ás Cantareiras que celebramos este ano, tras Luisa Villalta e Xela Arias, mulleres que ocuparon recentemente este espazo de honra por merecemento pleno.

Caamaño foi unha das voces máis lúcidas do pensamento feminista galego contemporáneo. Non se limitou a denunciar as ausencias das mulleres na historia e na literatura, senón que traballou por devolvelas ao centro do relato. Fíxoo cun talento literario singular e cunha fonda sensibilidade estética. As súas novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle —esta última levada ao teatro por Sarabela— dialogan coa tradición para subvertela, rescatan figuras mitolóxicas femininas para devolverlles a súa complexidade e dignidade, ofrecendo unha nova mirada que transforma.

Como xornalista da Radio Galega, destacou pola súa paixón pola cultura, a súa capacidade analítica e unha clara conciencia social. Sempre cun pé na terra e outro no pensamento, foi unha voz crítica e necesaria, aberta ao debate e ao encontro. Begoña berraba nas rúas, nas manifestacións, pero tamén sabía argumentar, convidar a pensar, formular preguntas que cadaquén debía responder por si mesma.

A súa morte prematura, no 2014, deixou un baleiro inmenso. Mais o seu legado —ético, estético e político— non deixou de medrar. Hoxe segue vivo nos clubs de lectura feministas, nas aulas, nos espazos culturais e nos encontros que organizamos amigas e compañeiras que non queremos deixar que se apague a súa voz. A súa pegada está tamén nas mulleres que escriben sabéndose herdeiras dunha liña que ela axudou a trazar.

Ela foi coma unha Penélope contemporánea, tecendo unha rede de afectos e pensamento. En tempos escuros e deshumanizados, repensar o mundo con Begoña é máis necesario ca nunca.

A escolla de Begoña Caamaño para as Letras Galegas 2026 é moito máis ca unha homenaxe: é unha afirmación. Afirmación de que outra literatura é posible. De que a lingua galega é tamén feminista, libre e rebelde. De que escribir pode ser un acto de xustiza e memoria. Este recoñecemento será unha oportunidade para que as súas obras volvan ser lidas, compartidas e celebradas, para que inspiren novas voces e conciencias. No 2026 faremos unha festa fermosa para celebrarte. Hoxe, moi felices, brindamos por ti, Begoñísima.