Berros

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

internet

22 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un home arrampla a súa filla da casa da nai, da que estaba separado, e axiña poñemos o berro no ceo. Como debe ser, pois os casos de violencia vicaria aumentan día a día e a cativada está moi desamparada. Pero o conto mudou, dando unha xiro espectacular.

Que o pai levou a nena pola forza non ten volta, pero a causa que motiva a acción é ben distinta á que se cría nun principio. Este home o que pretende é protexer a cativa. Non da nai, senón da actual parella desta.

Hai dúas décadas un home mataba a golpes a unha meniña. Tiña tres anos e era a filla da súa parella. Foi unha atrocidade. Imaxinen o ruído que fai na mente dun pai que sabe que a súa nena vive baixo o mesmo teito que este criminal. O seu berro prega socorro desmesuradamente. Pero que pasa cos ecos internos, coas palabras que furan a mente e nos consomen? Ás veces son imposibles de facerse oír. E o medo pode facernos fuxir botándonos a correr, ou paralizarnos. Este «secuestrador» optou pola primeira opción, moverse. Trasladou tamén a súa nena, evitándolle un ambiente perigoso. Quen sabe a de opcións que barallou, probou, intentou, solicitou... antes de chegar a esta situación, que moito o pode prexudicar. A que o berro no ceo agora poñémolo por outra cuestión? Os delitos son delitos, pero moito cambian segundo as causas que os provocan, ou non?