
Hoxe tocaba falar de Begoña Caamaño, vella amiga, compañeira de oficio, a quen a RAG acordou dedicar o Día das Letras Galegas do próximo ano, ou de Cristina Pato, que vén de ofrecernos a súa segunda novela, Fora de xogo, ou dos 75 anos da Editorial Galaxia, que o pasado xoves presentou un documental que axiña empezará a circular polas redes e os medios audiovisuais, pero a actualidade política arde nos informativos, non nos deixa respirar.
Levo anos no oficio da información, que durante moito tempo seguín dun xeito moi próximo e directo. O primeiro caso de negocios escuros do que teño memoria foi o caso Reace, en Vigo, en marzo de 1972, que moitos bautizaron como o caso do «aceite de Redondela», porque alí estaba a sede da empresa (Refinerías de Aceites del Norte de España SA) de cuxo consello de administración formaban parte personalidades sobranceiras da ditadura franquista, entre outras o irmán do ditador, Nicolás Franco Bahamonde. Houbo mortes misteriosas que nunca se aclararon de todo. O escándalo Matesa foi moi sonado tamén. Por non falar do estraperlo, que empezou relacionado co xogo nos derradeiros anos da Segunda República, con implicacións importantes do partido de Alejandro Lerroux, e acabou dando nome a todo tipo de irregularidades no comercio de bens de primeira necesidade no tempo da posguerra, tamén coa conivencia das autoridades.
As relacións escuras entre os negocios privados e a política non son de agora, aínda que a liberdade de expresión e a democracia permitan hoxe un acceso á información que antes só en situacións extremas acababa saíndo á luz. Mais da democracia agardabamos outra cousa. Se cadra inxenuamente, porque a condición humana é a que é, e a política é un espello implacable da condición humana. Estamos a vivir momentos moi graves diante dos cales non é posible ollar para outro lado. Actuar con firmeza é fundamental, sen demagoxias, sen retórica barata, pois hai un espazo común: a saúde democrática, que debemos salvagardar.
Os políticos están na lente do microscopio. E está ben que sexa así. Pero cando se producen situacións como as que estamos vivindo, que non son exclusivas do PSOE, o PP ten unha longa historia da que seica ninguén fala, porque «unha perna tapa a outra» como di a canción popular, e a familia Pujol estragou todo o que podía haber de intelixencia e mesmo de grandeza nunha xestión de tantos anos. Cando se fala destes a outros casos, digo, ninguén fala dos que están detrás e, ao cabo, detentan o verdadeiro poder: o poder do diñeiro, empresas e empresarios (no caso de que merezan tal nome) que moven vontades, corrompen consciencias, viven na amoralidade, traballaban na impunidade máis absoluta e apenas ninguén fala deles, malia coñecermos os nomes das empresas comprometidas, case todas grandes construtoras. Non hai unha lei que poña cabo a semellantes prácticas, pida responsabilidades e actúe en consecuencia? A que se dedican os xuíces?