Unha nacionalista radical

Francisco Castro
francisco castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Diego Radamés | EUROPAPRESS

23 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O franquismo sociolóxico, xa saben, esa maneira de ver o mundo que está dentro de moita xente que «pensa en franquista» pero non o sabe, reverdeceu coa primavera. Esa clase de «pensamento» ten que ver con ideas simples, do estilo de identificar unha patria cunha bandeira, celebrar a «españolidade» das corridas de touros e a defensa do idioma español por riba de calquera outra cousa. A crenza de que a simple existencia doutras linguas, en España, distintas do castelán, son unha ameaza, un perigo e hai que abogar pola súa desparición.

Que unha presidenta madrileña, primeiro ameace, e logo cumpra esa ameaza de marchar dunha xuntanza se se escoitaba unha palabra en éuscaro, catalán ou galego, é un xeito franquista de pensar. Eu non sei se a señora Ayuso é franquista, pero a súa reacción foi claramente falanxista. Foi unha reacción violenta. Porque quen ameaza está exercendo a violencia xa antes de que os feitos acontezan. Se logo se cumpre a ameaza, estase actuando violentamente contra os presentes, aos que se lles está a faltar ao respecto. E iso foi o que aconteceu na última conferencia de presidentes, cando a señora Ayuso, presa dun pensamento franquista, cumpriu a súa ameaza violenta e se pirou porque se escoitara unha palabra nunha lingua que ela entende que manca o seu concepto nacional. Ela dixo unha vez que «Madrid es España». E logo engadiu, «y España es Madrid», ou sexa, todo o que sexa diferente do madrileño non é español. Unha das características do franquismo sociolóxico é definir que é español e que non o é. E se España é Madrid, todo o que non sexa capitalino perde a súa identidade nacional, porque, non nos enganemos, detrás do comportamento da señora Ayuso hai un profundo nacionalismo….español. Adican horas a poñer podre o nacionalismo cando eles son os grandes nacionalistas, dispostos a impoñer un idioma e a facer desaparecer o resto, os «non españois». Existe vida alén da M30. Somos unha burrada de cidadáns de España que temos a fortuna de falar outra lingua, de termos cultura propia, de sermos, si, diferentes. E iso, que para calquera persoa non radicalizada sería un exemplo de diversidade que nos mellora, para un talibán representa todo o contrario. No fondo, é un problema de ignorancia, de falta de cultura. Porque as persoas cultas son integradoras, nunca excluíntes. Incluso en Madrid hai un lote enorme, por fortuna, de xente así.