Escoitarán

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Jesús Hellín | EUROPAPRESS

26 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Admírame a xente. Entre barro ou entre cañas: Cañas y barro, obra magnífica e desaparecida (creo que é unha das novelas «naturalistas» máis importantes do mundo hispánico). Con uniforme ou sen el. Admírame a xente, que sempre está por diante daqueles que dirixen os seus destinos. Admírame a xente. Man con man. No éxito e no fracaso. É unha garantía saber que sempre queda a xente. Despois dos discursos. Tras os decorados do poder. Agachada entre nubes de palabras que levan a ningunha parte. Admírame a xente. En realidade, nunca estamos sós. Aínda que a soidade sexa unha condición do ser humano. «Vive para ti solo, si pudieres,/ pues solo para ti, si mueres, mueres». Son os dous versos terminantes de Francisco de Quevedo. Tanto o admiro! Ler a Quevedo reencóntrame coa fortuna de ser lector. Claro que a Quevedo non o publicarían nestes tempos de corrección política e intelectual abatemento. Tampouco editarían a Nabokov. Que horror! O 15 de setembro de 1955 publícase Lolita en París. A editorial: The Olympia Press, con sede en París e especializada en literatura erótica. Editouse a versión orixinal en francés. A obra foi de contado prohibida en Francia e Inglaterra e tardou tres anos en editarse en Estados Unidos. Escrita orixinariamente en inglés, Nabokov traduciuna ao seu idioma natal, o ruso. O tempo deulle razón á arte e a Nabokov. A xente estaba por tras e por riba dos impedimentos. A xente, entre barro ou entre cañas, sempre acaba por manifestarse. A corrección política é unha imposición. Igual que é unha imposición pretender que a xente cale. Non hai corrección política que nos condene ao silencio. Finalmente, os poderosos escoitarán á xente. Escoitarán.