A festa de editorial Galaxia

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

EDITORIAL GALAXIA

29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Celebramos Galaxia na casa grande de don Ramón, no souto de Cimadevila, en Trasalba. Cada ano por estas datas, os amigos e amigas da cultura galega reunímonos para homenaxear a quen foi (e en gran medida segue sendo) o patriarca das nosas letras, don Ramón Otero Pedrayo, que neste caso foi tamén primeiro presidente (patrucio fundador) da editorial. Galaxia cumpre setenta e cinco anos. Non é a primeira vez que o digo: un milagre. O próximo 25 de xullo lembraremos a fundación nos baixos do hotel Compostela, en Santiago: unha xuntanza de amigos, así foi como se presentou a reunión para que non houbese sospeitas. Hai unha fotografía que forma parte da historia. A meirande parte dos asistentes proceden das vellas Mocidades Galeguistas, algún tamén do Partido, dous ou tres do galeguismo de América, principalmente de Bos Aires, e catro mulleres sentadas na primeira fila: Amparo Sánchez, Rosa Rodríguez Pérez, Mercedes Cela e Cristina Novoa, esta última esposa de Xaime Isla, que tamén está na foto, xunto con Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, os Álvarez Blázquez, Aquilino Iglesia Alvariño, Emilio Álvarez Gallego, o arquitecto Gómez Román, Xosé Mosquera Rodríguez O Vello dos Contos… Non os cito a todos, mais se fixésemos unha biografía de cada un deles reconstruiriamos capítulos certamente importantes da resistencia do galeguismo na ditadura. Non está na fotografía Ramón Piñeiro, que asumiría un papel fundamental na estratexia da editora e do grupo, porque daquela acababa de saír da cadea, aínda estaba convalecente dunha operación á vista, e tampouco conviña chamar a atención máis do necesario.

A presenza das mulleres é escasa, por máis que algunha como Cristina Novoa, desenvolveu un papel importante na actividade da editora. Hoxe sería impensable esa representación. Os tempos mudaron para mellor. A presenza da muller nas nosas letras (na nosa cultura en xeral, tanto científica como artística) é unha realidade imparable. A figura de Begoña Caamaño, a quen o próximo ano a Academia dedica o Día das Letras Galegas, hanos dar pé para falar destas cousas, como no seu momento Luísa Villalta ou Xela Arias. Mulleres novas para un tempo novo. Moitas delas iniciaron o camiño literario ao abeiro da editorial Galaxia. Penso en Xohana Torres, por poñer un caso sobranceiro, á que teremos que dedicar tamén un Día das Letras. Ou en María Xosé Queizán, que afortunadamente está entre nós. Ambas as dúas estreáronse nas coleccións Illa Nova e Salnés.

O meu primeiro libro en galego era de Galaxia: Percival e outras historias, de Méndez Ferrín. Aínda o conservo. Merqueino na praza da Ferrería de Pontevedra o 17 de maio de 1967. Os primeiros libros son como os primeiros amores, non se esquecen nunca. Daquela os libreiros sacaban os libros galegos á rúa coma quen abre portelos de luz. Hoxe celebramos esa festa.