A voltas coa corrupción

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Custa crelo hoxe, cando a mentira ameaza con desterrar a verdade da dialéctica parlamentaria, pero houbo un tempo en que mentir estaba mal visto en política, e eu, por razón de idade, son nostálxico e valoro o político que vai coa verdade por diante. Xa citei algunha vez o brasileiro Adhemar Pereira de Barros, que nas campañas electorais tiña o lema «Eu roubo, mais fago» e foille ben, que o pobo agradeceulle a sinceridade e fíxoo varias veces gobernador de São Paulo, nos anos cincuenta e sesenta do século pasado. O escritor italiano Vitaliano Brancati, guionista de tantas películas divertidas, falou doutro político que ocupaba un alto cargo na Administración e fixera da verdade un principio irrenunciable. Cando o visitaba un empresario para propoñerlle un negocio e ofrecerlle unha mordida, o político freábao cun berro e coa palma da man, e dicíalle: «Un momento. Estame dando un ataque de honradez e sinto o impulso de collelo polas orellas e chimpalo do despacho. Pero tranquilo, que me pasa axiña». Inspiraba forte e sorría ao empresario: «Xa está. Imos ao negocio».

Tamén a José Luis Ábalos lle deu un repente ético e anunciou que contaría a verdade, pero duroulle pouco máis que ao político italiano e xa non se recoñece nos audios e volve negalo todo. Eu véxoo e penso que se berrase cos brazos en cruz na tribuna do Congreso «¡el que esté libre de pecado que tire la primera piedra!» chegaríanlle tantos croios desde os escanos da dereita que sería lapidado nun santiamén. Porén, as pedras do Congreso e do Senado son pedras-búmeran que volven ao punto de partida, polo que as señorías deberían andar lixeiras como lebres para botarse ao chan e non papar un croiazo. Nos mesmos días en que Ábalos era esfolado por pagar a unha amante, con cartos da Administración, o salario dun posto de traballo que nunca ocupou, sóubose que o alcalde de Estepona, do PP, vai ser xulgado por facer exactamente o mesmo cunha muller coa que tivo relacións íntimas.

A corrupción non é de dereitas nin de esquerdas. É de todos, que todos a entendemos e xustificamos coa parvada de que somos o país onde naceu a picaresca. Certo que nesta España invertebrada vemos o Estado como algo alleo a nós e por iso aplaudimos o fraude fiscal e o contrabando, e ata convertemos a delincuentes condenados pola Xustiza en estrelas da televisión: Mario Conde, Antonio David Flores, Jesús Gil, o pequeno Nicolás…, todos tiveron programa propio en distintas cadeas, e con altos índices de audiencia. ¿Dónde están tus ojos?/ ¿Dónde están tus manos?/ ¿Dónde tu cabeza?, cantaba Cecilia en Mi querida España. E que ben o cantaba!