O silencio dos floreiros

OPINIÓN

Rodrigo Jimenez | EFE

03 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Supoño que gobernar debe de ser unha experiencia ben aditiva e ese pracer de dirixir, sempre rodeado de tantas persoas atentas e servís, con tantas decisións importantes que tomar, faille crer a un que o mundo xira exclusivamente ao seu redor. Medir as palabras que van ser titulares nos medios, controlar as polémicas, negociar e expoñerse en público todos os días debe de ser unha sorte de alimento ou droga que, cando falta, ese mundo semella vir abaixo. Ese é o problema que ten o retiro para moita desta xente que desenvolveu cargos de certa relevancia e sofren a abstinencia do poder. Precisan, dalgún xeito, seguir estando, aínda que sexa como capital simbólico. Nesta vertixe que produce o silencio hai quen o leva mellor ca outros e iso tamén terá que ver co carácter e a personalidade de cadaquén. No caso español e dos seus presidentes temos a José María Aznar e Felipe González, que se resisten a ocupar un papel discreto e prudente no panorama político e sempre están dispostos a emitir xuízos e opinións que procuran a polémica, porque nada lles vale nin queren comparanza posible co seu legado. Todo ten a pinta de que hai un ego supersónico que os leva a recordarse, e tamén recordarnos a nós, que seguen aí e a súa opinión é necesaria. A culpa, con certeza, non é só deles, senón de moitos medios que lles dan voz. Na súa egolatría mesmo están aí para intentar corrixir o relato da súa propia historia. Non é doado mudar esta tendencia, nin tampouco hai por que obrigar a calar a ninguén. Pero hai algo que se chama virtude política que, no caso que nos ocupa, semella brillar pola súa ausencia. Se cadra, moitos xa nos conformaríamos, non con que non falen, senón que non o fagan cando ninguén llelo pida.