
A verdade é que eu nunca utilizara a palabra. Coñecíaa, sabía do seu significado, pero nunca me dera por usala. E cando o outro día, nunha conversa na miña casa, a cantautora e comunicadora MJ Pérez comezou a falar da xente que pontifica nas redes sociais e nos medios, de súpeto pegóuseme a palabriña (pontificar), e sen decatarme levo usándoa toda a semana. Segundo a segunda acepción do dicionario da Real Academia Galega, pontificar é «asumir ao falar un ton de suficiencia ou superioridade», que se cadra é o que estamos a escoitar acotío dos políticos nacionais e internacionais. Pero coido que pontificar é tamén un xeito de ser e de estar no mundo do que ás veces non podemos escapar. Todos, nalgún momento das nosas vidas, asumimos ese rol de «pontífice» cando falamos sobre cousas que consideramos que sabemos máis ca outros, ou de cousas que sentimos nosas. Todos, nalgún instante da nosa existencia, sentimos a necesidade de instruír ou adoutrinar a alguén, ás veces sen decatarnos. E precisamente porque non sempre somos conscientes de que o facemos, acabamos aceptando con normalidade a idea de que temos o dereito de pontificar sobre o que cremos que sabemos sen cuestionar o feito de que quizais non saibamos tanto coma pensamos.
Nos tempos nos que estamos, cun claro exemplo na política estadounidense, pontificar é unha desgraciada constante. Canto máis predican eses líderes as súas teorías sobre a inmigración, o coñecemento, a historia, ou os dereitos do ser humano, máis se amplifican esas doutrinas a través de todos aqueles que, sen saber máis que o contido dun titular nesgado, pontifican nas redes sobre a espantosa importancia de levalas a cabo.