
Correron os ríos do tempo dende agosto de 2021, cando Kabul caeu baixo un manto escuro de silencios e sombras que marcou o inicio dun período prolongado de represión de dereitos, especialmente para as mulleres. Os días deslizáronse, e viñeron outras novas para esta sociedade de titular efémero, onde o que arde hoxe, mañá xa é cinza esquecida. As voces que clamaban xustiza fóronse apagando pouco a pouco.
Pero as secuelas seguen vivas: moitas profesionais que desempeñaron un papel clave na construción dun sistema xudicial máis xusto e igualitario seguen sufrindo as consecuencias, abocadas ao exilio ou á clandestinidade. As xuízas afganas foron perseguidas por ter aplicado leis contrarias á ideoloxía talibán, por condenar a membros do movemento ou, simplemente, por exercer a súa autoridade como mulleres nun poder xudicial que aspiraba á imparcialidade e á equidade. Víronse obrigadas a fuxir do país, tendo que exiliarse para preservar a súa vida e a dos seus familiares; ou tiveron que agocharse, baixo ameaza constante.
Elas foron construtoras activas do Estado de dereito en Afganistán e, desde os seus tribunais, loitaron polos dereitos humanos. Plantaron cara a un sistema que as negaba como seres humanos. Por iso, agora son un obxectivo estratéxico talibán. Ademais da supresión de dereitos para as mulleres en xeral, hai unha ameaza directa, concreta e letal para aquelas que exerceron funcións xudiciais.
Neste contexto, a International Association of Women Judges (IAWJ) puxo en marcha unha campaña internacional urxente para salvar a estas profesionais. O seu obxectivo: garantir a súa evacuación e recolocación segura en países democráticos onde puidesen reconstruír as súas vidas, preservar a súa integridade física e continuar co seu compromiso coa xustiza. 180 mulleres e os seus núcleos familiares máis achegados lograron así saír daquel inferno.
España foi un dos países que respondeu positivamente a este chamado, grazas á implicación da Asociación de Mulleres Xuízas de España (AMJE), do Consello Xeral do Poder Xudicial e doutras organizacións xurídicas e humanitarias.
A operación non foi sinxela. Ademais de canles diplomáticas, coordinación con ONG, visados especiais por razóns humanitarias e apoio institucional, fixo falta valentía e empatía institucional para recoñecer que a neutralidade xudicial non existe en contextos de colapso do Estado de dereito, e que protexer a quen serviu á xustiza é unha obriga moral e xurídica da comunidade internacional.
Procurouselles acompañamento psicolóxico, asistencia legal, aprendizaxe do idioma e apoio para a súa integración social e profesional. Relataron ameazas de morte, intentos de asasinato, persecución ás súas familias. A súa chegada a Europa é unha afirmación do compromiso cos dereitos humanos, coa igualdade de xénero e coa xustiza internacional.
Esta iniciativa da IAWJ é un exemplo poderoso de sororidade xudicial global, pero transcende o xesto humanitario: ao acoller estas xuízas, España non só lles ofreceu protección senón que afirmou que a xustiza non pode ser silenciada polo medo, e que a comunidade xurídica internacional ten o deber de actuar a favor de quen foi perseguida por aplicar a lei con equidade e coraxe.