A cheminea das Pontes

Xaquín S. Pérez-Sindín DOUTOR POLA UNIVERSIDADE DA CORUÑA E PROFESOR ASISTENTE NA SECCIÓN DE XEOGRAFÍA NA UNIVERSIDADE DE COPENAGUE

OPINIÓN

CESAR TOIMIL

08 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A decisión Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tras a reapertura do expediente para declarar a cheminea da central térmica das Pontes como Ben de Interese Cultural (BIC) estaría sustentada no «forte vínculo de todos os ponteses coa cheminea», que —afirman— deixou de ser un elemento industrial para se tornar «nun símbolo da identidade local». Porén, tal afirmación carece de respaldo en estudos académicos, análises sociolóxicas ou fontes especializadas, e basea a súa xustificación na recollida, durante un mes, de 2.206 sinaturas presentadas por un particular, segundo consta no propio expediente.

Até que punto esta iniciativa recolle un sentir colectivo ou responde aos intereses dunha minoría organizada? O apoio cidadán merece respecto. Con todo, cómpre matizar o alcance das 2.206 sinaturas promovidas por unha agrupación que se presenta como defensora do patrimonio industrial. En primeiro lugar, as sinaturas adheríanse a un manifesto que solicitaba a suspensión temporal da licenza de derrubo e a convocatoria dunha consulta popular. Pode isto interpretarse como apoio explícito á declaración de BIC? A ambigüidade da proposta impide unha lectura clara.

En segundo lugar, mesmo aceptando que expresen respaldo directo ao BIC, fican sen resposta varias cuestións: cal é o ámbito xeográfico? Sen unha delimitación clara, non se pode avaliar que porcentaxe da poboación apoia a proposta. Mesmo se todas as sinaturas procedesen do propio concello —10.000 habitantes— habería que preguntarse que significa que arredor do 80 % da veciñanza non asinase.

En terceiro lugar, cabe dubidar de que un proceso de recollida de sinaturas feito nun posto visíbel en espazos públicos e coa presenza das persoas promotoras sexa un método fiábel. En contextos pequenos, onde as relacións interpersoais pesan, a presión social pode condicionar a liberdade de decisión. Negarse a asinar pode ser interpretado como un xesto de confrontación ou discrepancia, algo que moitas persoas evitan para non se expor. Isto resta valor á recollida como indicativo veraz da vontade colectiva. Poden estas sinaturas, dadas as súas limitacións metodolóxicas, ser interpretadas como unha carta branca para activar un procedemento administrativo de tanta relevancia? Que valor teñen se foron recollidas cando o debate público apenas se esbozaba? Canto hai de apoio informado e canto de adhesión puntual a unha iniciativa visible, pero pouco debatida?

Un dato posterior axuda a contextualizar mellor o grao de compromiso real: a última acción promovida pola mesma agrupación —unha campaña de micromecenazgo para recadar fondos— apenas logrou o respaldo de 43 persoas. Como interpretar esa fenda entre o suposto apoio masivo e o compromiso efectivo cando se require algo máis que unha sinatura?

Tamén resulta relevante comparar estas 2.206 sinaturas presenciais coa recollida feita en Change.org por un membro da mesma agrupación, desta volta cunha demanda clara: «Non derrubar a cheminea en As Pontes». O apoio foi sensiblemente menor —uns 707 apoios rexistrados’— e, segundo os comentarios públicos, unha parte importante procedía de fóra das Pontes e de fóra de Galicia, máis do 50 % dos que deixaron algún comentario. Aínda no caso de que unha parte significativa da veciñanza manifestase algún tipo de vencello, iso non implicaría un desexo de conservación. O vínculo emocional pode convivir, perfectamente, cunha vontade social de pasar páxina e orientar o futuro cara a outras referencias colectivas. A realidade é máis diversa e matizada do que algúns pretender dar por sentado.

Estamos ante un proceso de patrimonialización promovido desde arriba, sen o consenso social necesario entre quen, máis cedo que tarde, deberá asumir as consecuencias —estéticas, simbólicas, ambientais, económicas e emocionais— de manter ese elemento industrial. Trátase dun problema coñecido: hai tempo que especialistas veñen advertindo dos perigos dunha política patrimonial vertical, pouco participativa e afastada do contexto local. Esta problemática abordouse nas xornadas organizadas pola Universidade da Coruña nas Pontes en outubro de 2024, con presenza dun catedrático de sona e dun representante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Cómpre preguntarse se este último decidiu facer caso omiso das reflexións alí expostas e optou, no seu lugar, por sintonizar co relato dun grupo minoritario que defende unha visión moi concreta —e debatíbel— do patrimonio.

A decisión de incoar o expediente para declarar a cheminea como BIC foi precipitada. Descoñece marcos conceptuais na xestión patrimonial, a voz dos principais expertos, a literatura xerada en socioloxía e antropoloxía galega, así como os resultados dunha enquisa coñecida pola Administración desde outubro de 2024.