Os perigos do verán

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

María Pedreda

08 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegan xullo e agosto, os meses do verán, e centos de familias españolas dispóñense a gozar das vacacións: adeus ao traballo, ás présas, ás tensións cotiás; chegou o momento de relaxarse e gozar. Pero resulta que, en setembro, en España, o número de divorcios aumenta un 40 por cento respecto ao resto do ano. Moitas parellas, que iniciaron unidas as vacacións, divórcianse en setembro. Observemos a unha desas parellas. Son novos, duns trinta anos, teñen dous fillos, de oito e de sete anos. Este ano acordaron unha semana de mar e outra de montaña. E tamén preferiron ir a un hotel e non á casa dos pais. Pensan que así evitarán discusións cos outros irmáns sobre que habitación ocupará cada un. Aínda que meteron un par de antucas no maleteiro do coche, renuncian a colocalas sobre a area ardente da praia. Hai que alugar dous, mellor tres, das tumbonas que ocupan toda a primeira liña e que custan o seu peso en ouro. No hotel teñen pago aloxamento e almorzo. Comproban que moitas mulleres enchen o bolso de ovos duros e bocadillos de xamón york. Parécelles algo miserable, pero, dada a rapidez con que desaparece o seu diñeiro, deciden imitalas.

Tiveron tempo libre, si, moitas horas para pensar, para darse conta do que durante o inverno non tiveron tempo para afrontar: que o seu cónxuxe é unha persoa desagradable, egoísta, que cos anos perdeu mesmo o atractivo físico que os levou a casar. Ou sexa, que non merece a pena seguir aguantándoo. E divórcianse.

Xa saben, cóntollo por se a alguén lle fose útil.